O TSXG anula a suba de taxas da gardaría da Cidade Infantil Príncipe Felipe acordada en 2012
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anula a suba de taxas da gardaría da Cidade Infantil Príncipe Felipe acordada en 2012 sobre a base de infraccións no procedemento de aprobación das taxas e na interpretación do Decreto de prezos da Xunta.
A sentenza estima o recurso contencioso administrativo interposto por un grupo de pais contra os acordos da Deputación do 27 de xaneiro e 10 de febreiro de 2012 polo que se modificaron os prezos públicos polos servizos que se prestan na Escola Infantil Prícipe Felipe, e os anula "por ser contrarios a dereito, declarando o dos actores a que lles sexan devoltas as cantidades aboadas con exceso polo servizo de gardaría no devandito centro".
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, situou nuns 13.000 euros a cantidade a devolver e dirixiuse aos pais para que recorden quen lles está a dar este servizo " xa que "sen ter competencias nesta materia " a institución provincial está dando unha cobertura social "que corresponde ao concello de Pontevedra".
Esta sentenza é firme, é dicir, non é susceptible do recurso ordinario de casación.
O conflito xorde tras a decisión da dirección de Príncipe Felipe de autorizar á concesionaria da gardaría a que incrementase os prezos dende o pasado 1 de marzo do ano 2012 malia a forte contestación que a proposta xerara entre os pais que entre outras razóns entendían que vulneraba o acordado nunha reunión co director do complexo dependente da Deputación.
Os pais argumentan que os acordos impugnados se tomaron con vulneración do establecido na Lei de Bases de Réxime Local xa que, ao ser de modificación dunha ordenanza, tiñan que terse aprobado inicialmente polo Pleno, con información pública e audiencia dos interesados.
Dende a Deputación defenderon a suba apelando aos dous informes que encargou aos servizos xurídicos e económicos tras o primeiro encontro cos pais.
Estes dous estudos da Intervención e a Secretaría Xeral, e o ditame pola Comisión Informativa de Economía, Facenda e Turismo; mostráronse favorables á suba sinalando a delicada situación da concesionaria da gardaría, Chupetes Galicia, cuxos ingresos non cubrían gastos, advertindo que os prezos da gardaría se regulaban por un decreto do 2002 que acababa de ser actualizado, polo que as tarifas estaban abocadas a un repunte.
O alto tribunal galego admitiu a trámite o recurso contencioso administrativo, iniciado ante o Xulgado n.º 2 de Pontevedra, e acordou elevar as actuacións a esta Sala ao considerar que era a competente para o coñecemento do recurso.