Poio dotará de ramais de saneamento en camiño da Bouza e de abastecemento nas inmediacións do Laño
Por Redacción
A Concellería de Obras e Servizos ten previsto acometer traballos para a dotación de ramais de saneamento e abastecemento, respectivamente, nas parroquias de Combarro e de Samieira.
En total, o orzamento destinado para estas actuacións ascende a un total de 18.000 euros, tal e como sinala a edil socialista Chelo Besada. A tenente de alcalde explica que esta contía corresponde a 13.000 euros dun remanente derivado do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, aos que hai que engadir outros 5.000 que serán achegados directamente pola Administración municipal.
A primeira desta obra realizarase no Camiño da Bouza, en Chancelas (Combarro).
Trátase da execución dun ramal de saneamento mediante mangueiras de impulsión, para dar servizo a un pequeno núcleo de vivendas. "Deste xeito, completaremos a rede existente na zona", explica a tenente de alcalde. O tramo no que se pretende actuar ten unha extensión de 97 metros, se ben se proxecta a dotación de tres mangueiras independentes nunha superficie de 291, para poder dar servizo a todas as vivendas.
Ademais, habilitarase un pozo de rexistro que complementen os traballos. Posteriormente, procederase á reposición do firme, cunha capa de xiabre de 15 centímetros, previo a outra capa de mestura de aglomerado en quente de 5 centímetros.
A segunda actuación, que será moi similar á anterior, terá lugar en Samieira, nas inmediacións da recta do Laño, no tramo dereito da PO-308 en dirección a Sanxenxo, onde se dotará de saneamento a outro pequeno núcleo de vivendas. O orzamento repartirase ao 50% (9.000 euros, IVE engadido) para cada un destes proxectos, sinalou Chelo Besada.