Galicia proporá que o Nadal se limite por unidades familiares e non por persoas
Por Alejandro Espiño
As autoridades galegas non están conformes cos plans esbozados polo Goberno para o próximo Nadal. A proposta de limitar a seis persoas as ceas familiares de Noiteboa ou Noitevella non é suficiente para a Xunta de Galicia.
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou que Galicia propoñerá a Sanidade que aprobe un "marco común" para regular as festas do Nadal e que, a partir del, sexan as comunidades as que o adapten ás súas respectivas situacións epidemiolóxicas.
A este respecto, Núñez Feijóo suxeriu que as reunións sociais se limiten por unidades familiares e non por persoas. Este sistema sería máis "seguro", segundo o goberno galego.
Co límite de seis que propuxo o Goberno poderían xuntarse ata tres familias de dúas persoas cada unha, mentres que Galicia considera que sería mellor que se puidesen xuntar dúas familias de seis persoas cada unha, que sumarían un total de doce.
"Temos que ser moi cautelosos e precisos para reducir os contaxios", afirmou o presidente da Xunta, que propoñerá ademais que se exclúa dese límite aos nenos de dez anos porque teñen un factor de contaxio "inferior" aos adultos.
O titular do goberno galego considera que "non é razoable" que unha familia que ten catro fillos non poida ir comer ou a cear con ninguén nas festas do Nadal por alcanzar xa o límite que expón o Goberno de seis persoas.
Con respecto á decisión sobre o toque de queda ou a posible apertura dos peches perimetrais, Núñez Feijóo pediu ser "prudentes" e esperar a ver como evoluciona a incidencia da covid-19 nas diferentes áreas sanitarias antes de tomar unha decisión.
Relacionadas:
-
Área sanitaria de Pontevedra: "preparámonos para unha repunta entre 7 e 14 días despois de Nadal"
Por María José Pita |
-
Acordo para Noiteboa e Noitevella: ceas para dez (nenos incluídos) e toque de queda ampliado
Por Alejandro Espiño |
-
O Nadal que nos agarda: reunións de seis persoas e toque de queda á 1:00 en Noiteboa e Noitevella
Por Alejandro Espiño |