A recollida de lixo a doentes de covid-19 triplica os domicilios activos no confinamento
A Manuel durante dezaoito días recolléronlle o lixo na porta de casa. Deu positivo en covid-19 e, como vivía só, non tiña quen lla leva ao contedor. Acumulala en casa non era unha opción. Así que non o dubidou.
El vive nun dos setenta domicilios que, desde que comezou a segunda onda da pandemia, anotáronse ao servizo que a empresa encargada da recollida de lixos en Pontevedra, Ferrovial Servicios, ofrece desde o pasado mes de marzo.
Cada dous días, en horario de tarde, un operario da compañía recolle o lixo na porta dos enfermos de covid-19. Tamén de todos aqueles que están en corentena ou esperando o resultado dunha proba PCR e non deben saír das súas casas.
"Para min foi un servizo impagable", lembra Manuel. "Hai días que ata o boto de menos", engade entre risas. "É todo moi cómodo. Ti só tes que preocuparte de embolsar o lixo segundo o protocolo que che dan".
Ese protocolo, segundo explica Alfonso Silveira, encargado xeral do servizo que presta Ferrovial Servizos en Pontevedra, "é o que activou o ministerio no seu día" e que na compañía "cumprimos estritamente".
Os residuos deben depositarse en tres bolsas de lixo independentes e sen reciclaxe de ningún tipo. "Isto sobre todo é por seguridade das persoas que teñen que manipulala", engade Silveira. É máis complicado no caso de que o enfermo conviva con outras persoas.
O lixo que xere o enfermo debe ir nunha bolsa que, posteriormente, se debe meter nunha segunda xunto con todo o material que se use para coidar del, como máscaras ou luvas. Na terceira xa se suman os residuos de todo o domicilio.
Este servizo, que se activa cunha simple chamada á Policía Local, é gratuíto e voluntario para os enfermos de covid-19, aos que se lles recolle o lixo "independentemente de que sexa sábados, domingos ou festivos", matiza Alfonso Silveira.
"A xente recibe moi ben o servizo, son moi agradecidos", subliña o encargado, que asegura que "non tivemos ningún contratempo". Os que non chaman, engade, "é porque se decatan tarde ou porque no domicilio viven persoas que non deron positivo e xa a baixan eles".
O tratamento posterior deste lixo "é o mesmo que o resto", detalla o responsable de Ferrovial Servicios, salvo que "se baixa de maneira directa e illada ao contedor". Non fai falta xestionalo de maneira diferente "porque non son residuos sanitarios".
Durante o primeiro estado de alarma, na primavera, foron 28 os domicilios que gozaron deste servizo. Fixérono ademais durante máis tempo que nesta segunda onda na que, segundo os datos da empresa, "hai máis altas e baixas" e en períodos máis curtos.
Desde o pasado mes de agosto recolleuse o lixo a domicilio en 70 vivendas da cidade, das que nestes momentos seguen activos ao redor dunha quincena.
Relacionadas:
-
Preto dun millar de pontevedreses gardan corentena nos seus domicilios
Por Oskar Viéitez |
-
Só catro persoas están dadas de alta no servizo de recollida de lixo para doentes de COVID-19
Por Redacción |
-
Cinco equipos de Ferrovial traballan en Pontevedra na limpeza específica pola emerxencia sanitaria
Por Oskar Viéitez |