Augas de Galicia eximirá do canon da auga aos negocios pechados pola pandemia
Por Alejandro Espiño
A través dunha carta remitida aos concellos, Augas de Galicia anunciou que eximirá do canon da auga e do coeficiente de verteduras aos establecementos que se viron obrigados a pechar as súas portas polas restricións da covid-19.
A misiva, que asina a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, explica que o executivo autonómico incluirá esta disposición na lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos para 2021.
Esta medida beneficiaría, segundo a Xunta de Galicia, a restaurantes, salóns de banquetes, cafeterías, bares, salas de festas, discotecas, pubs, cafés espectáculos, furanchos, hoteis, aloxamentos turísticos e albergues.
O único requisito é que a actividade destes establecementos diminuíse de maneira significativa desde o pasado 5 de novembro, con motivo das restricións da covid-19, e abarcará ata que se lle levanten estas limitacións.
En concreto, a disposición de Augas de Galicia fixa que os consumos realizados sexan iguais ou inferiores ao 25% do consumo realizado no período de facturación anterior.
O goberno galego lembra que son as entidades locais as responsables de emitir os recibos da auga no seu ámbito territorial, polo que solicita que se adopten "con urxencia" as medidas "oportunas" para xestionar a exención deste canon.
Desde o Partido Popular esixen que se anule "inmediatamente" a parte autonómica no recibo de auga a toda a hostalería da cidade, desde o 5 de novembro e ata que se levante a declaración de situación de emerxencia sanitaria en Galicia.
"É de xustiza", asegura Rafa Domínguez, que ve "totalmente razoable" que se non hai actividade en restaurantes, bares, cafeterías, discotecas, hoteis ou albergues "non se lle cobren impostos". Mitigar o impacto da crise, engade, é "responsabilidade de todos".
Se o goberno municipal, segundo o portavoz do PP, "non quere baixar os seus impostos" os populares pídenlle que polo menos resolva "canto antes" a anulación deste canon a todos os que teñen os seus negocios pechados como consecuencia da pandemia.
O edil de Facenda, Raimundo González, confirmou que esta carta chegou ao Concello de Pontevedra e estudarase a súa posible aplicación. En todo caso, lembrou que esta medida non pode entrar en vigor ata a aprobación dos orzamentos autonómicos.