PGE 2021 | As emendas do BNG piden 25 millóns para o Museo, a N-550, a Xunqueira de Alba e a continuidade do paseo a Marín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Un total de 25 millóns de euros. Esa é a cifra na que o BNG fixa os investimentos que serían precisas para cubrir as necesidades de Pontevedra nos vindeiros Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2021 que están en debate no Congreso dos Deputados.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deron a coñecer este venres as enmendas ás contas que presentarán os nacionalistas en relación coa cidade do Lérez, que o rexedor considera "razoables dentro do que consideramos necesidades para a cidade".
Néstor Rego sinala que esta cantidade de 25 millóns é "razoable" para Pontevedra e confía en que os proxectos "acaban saíndo adiante", pero tamén recoñece que a disposición do Goberno central "está sendo escasa ou nula" e os orzamentos que presentaron son "discriminatorios para Galicia".
A principal partida, de 15 millóns euros, está vencellada co Museo de Pontevedra, "un dos máis importantes a nivel provincial do Estado", que ten moitísimos fondos que non están a ser exhibidos. A proposta pasa por asinar un convenio coa Administración Xeral do Estado para impulsar actuacións que o potencien.
Lores lembrou que historicamente as actuacións de ampliación do Museo fixéronse en colaboración con outras administracións e agora quere tamén a colaboración do Estado para darlle un pulo aos equipamentos no novo edificio que se proxecta en Valdecorvos e para a unificación dos tres edificios que están pechados, para darlles coherencia cun soto e semisoto e potenciar tanto o legado de Castelao como os fondos arqueolóxicos.
Outros 4,5 millóns estarían destinados á mellora da seguridade viaria na estrada N-550 ao seu paso por Pontevedra, para a súa "adaptación ao espazo urbano".
As enmendas contemplan a petición de destinar outros cinco millóns ao bordo da Ría de Pontevedra nos terreos de protección marítimo-terrestre da Xunqueira de Alba e o Río Rons e na marxe esquerda da Ría entre Pontevedra e Marín, na zona pola que pasan a autovía de Marín e o tren ao porto, pois entenden que hai espazos marítimo terrestres que están degradados e faise necesario mellorar as dúas zonas.
A cuarta partida, de un millón de euros, estaría destinada a completar a actuación que Costas do Estado xa está a executar para dar continuidade ao paseo de Pontevedra a Marín. O proxecto actual chega ata O Cabo e a intención do BNG é que os orzamentos inclúan unha partida para seguir ata o nó de entrada ao porto, pois hai zonas con "certas dificultades" para continuar co paseo peonil e ciclista.
Tanto Lores como Rego puxeron en valor que o traballo do BNG en Madrid, a partir do acordo ao que chegaron co PSOE para propiciar a investidura de Pedro Sánchez o ano pasado, tivo como logro os investimentos que os PGE para 2021 prevén para a rebaixa das peaxes da AP-9, para a autovía A-57 e para o Nó de Bombeiros.
Sabendo que hai elementos positivos que son "consecuencia directa do empeño do BNG no acordo de investidura", Néstor Rego considera "incomprensible" que nuns orzamentos expansivos como os presentados polo Goberno PSOE-Podemos para 2021, nos que na maioría das comunidades autónomas aumentan os investimentos, en Galicia caian por debaixo dos últimos aprobados en 2018 polo PP, con 104 millóns menos.
O BNG recoñece que o Goberno ten garantidos os apoios para sacar adiante os orzamentos sen o seu apoio, pero segue pedindo estas enmendas porque cre que son cuestións "razoables" e xa avanza que non van aceptar orzamentos nos que "Galicia saia perdendo" e esixirán que "traten a Galicia de maneira axeitada".
Relacionadas:
-
BNG e PSOE reclaman 24,5 millóns á Xunta e ao Estado para o Museo, o Gafos e a Xunqueira de Alba
Por Redacción |
-
Deputados pontevedreses do PP critican os PGE porque debería ser "menos ideolóxicos e máis útiles"
Por Redacción |
-
O BNG lembra ao Goberno de Pedro Sánchez as "demandas históricas" do concello de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O PP presentará emendas ao orzamento do Estado para "garantir unha maior e mellor recuperación da provincia"
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE aplaude que os PGE 2021 atallan o "agravio" que sufría Pontevedra coa AP-9 e destinan un 30% máis de fondos á provincia
Por Redacción |
-
PGE 2021 | Lores ve "recollidos" os compromisos "amarrados" polo BNG e Domínguez considéraos "desilusionantes"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
O Estado reserva 28 millóns para a A-57 e o paseo a Marín e 'esquece' o nó de Bombeiros
Por Alejandro Espiño |