Vixían a 1.495 pontevedreses por ter contactos estreitos con contaxiados por coronavirus
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Sanidade informou este venres ao Concello de Pontevedra que o número de casos activos de covid-19 no municipio é de 323 persoas. Isto supón 11 menos que onte xoves. Ademais a Consellería sinalou que Atención Primaria vixía a 1.495 pontevedreses por ter contactos estreitos con contaxiados por coronavirus.
En Sanxenxo o número de casos activos non tivo variación este venres e seguen sendo 81. A vila turística presenta 252 contactos en seguimento.
Tamén se reduce lixeiramente o número de casos activos en Poio, este venres son 55, o que supón 4 menos que o xoves. Neste caso no municipio de Poio hai 277 contactos en seguimento.
Igualmente en Marín baixou en 4 respecto ao xoves o número de casos activos que está en 78.
No resto da área sanitaria, Sanidade só proporciona datos dos casos diagnosticados no últimos catorce días. Mediante este indicador comprobamos que O Grove sumou 48 contaxiados aos seus casos activos nas últimas dúas semanas, Vilagarcía rexistrou 65, Vilanova de Arousa 29, Meaño 23, Caldas de Reis rexistrou 28, e A Lama 22, Vilaboa 49, Bueu con 15, Cerdedo-Cotobade con 15.
Durante este período, en Ponte Caldelas, Cuntis, Barro, Campo Lameiro, Moraña, Illa de Arousa e Portas os novos contagios non superaron os nove.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras a reunión do comité clínico ha anunciado este venres que tres novos concellos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés súmanse ás medidas de restrición pola covid-19. Trátase de Ribadumia, Meis e Meaño que formarán unha área pechada perimetralmente, sumándose ás outras dúas que hai no Salnés: Sanxenxo e O Grove por unha banda e Cambados, Vilagarcía e Vilanova por outro.
RESIDENCIAS
Nesta área Sanitaria de Pontevedra O Salnés a Consellería de Sanidade tamén reportou este venres os casos positivos detectados en dous usuarios e dous traballadores da residencia Soremay de Pontevedra.
Así, a día de hoxe, ademais destes dous casos xa citados hai un usuario contaxiado na Residencia Nosa Señora Valvanera (Cambados), 21 casos en maiores da Residencia DomusVi de Ribadumia, 29 na Residencia Pontevedra (Vilaboa) e 2 na Residencia Divina Pastora (Vilagarcía de Arousa).
En canto aos traballadores destes centros da terceira idade hai un empregado da Residencia Nosa Señora Valvanera (Cambados), dúas na nosa Señora das Dores (Forcarei), un na Residencia Saraiva Sénior (Pontevedra), tres na Residencia Soremay (Pontevedra), 17 da Residencia DomusVi Ribadumia e 11 da Residencia Pontevedra (Vilaboa).