Piden máis de 14 anos de prisión para un home acusado de acoitelar á súa parella
Por Oskar Viéitez
A Sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro luns día 30 de novembro un xuízo por un delito de tentativa de asasinato coas agravantes de parentesco e de xénero.
O Ministerio Público pide catorce anos e dez días de prisión para un sospeitoso de tentar asasinar á súa compañeira sentimental cravándolle un coitelo en zonas vitais.
A muller, segundo o informe do fiscal, conseguiu fuxir da vivenda e saír á rúa, onde foi auxiliada. O caso procede do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o acusado, coas iniciais JF. C.M., na madrugada do día 8 de novembro de 2019, atopábase no domicilio da súa parella sentimental, cando iniciaron entre eles unha discusión, á que puxeron fin, cando ela foise para a habitación, e deitouse na cama, tras tomarse uns fármacos para durmir, permanecendo o procesado no salón-cociña da vivenda.
Transcorrido un tempo, sendo aproximadamente as sete e media da mañá, o acusado "abusando da relaxación e confianza en que se atopaba a vítima no seu fogar", entrou sigiloso na habitación, portando un coitelo de cociña cunha folla metálica de 10 centímetros, tombouse na cama xunto á súa parella, "e de forma sorpresiva e súbita tapoulle a boca coa man, con ánimo de acabar coa súa vida" e comezou a cravarlle o coitelo en varias zonas vitais do corpo.
O relato do Ministerio Público sinala que mentres a acoitelaba o acusado dicíalle á súa vítima "co ben que che coidei, con todo o que fixen por ti, así mo pagas". Ela defendeuse con patadas, e mesmo chegou a morder a man ao procesado, pero a pesar diso, este logrou cravarlle o coitelo á súa parella no pescozo e nun peito e, no forcexeo, na man esquerda, logrando esta marcharse da habitación cara á cociña. Unha vez alí, o home, suxeitouna polas mans e obrigouna a poñerse de xeonllos e pedirlle perdón, cousa que ela fixo por medo.
Nun descoido do agresor a muller logrou fuxir da vivenda correndo escaleiras abaixo mentres pedía auxilio, e logrando saír á rúa, onde foi axudada por terceiras persoas, ata que acudiu a policía e os servizos de emerxencia sanitaria.
O acusado abandonou a vivenda tras ela portando consigo o coitelo que utilizara.
Como consecuencia das coiteladas á muller non lle quedaron secuelas, pero si prexuízo estético.
O acusado era policonsumidor habitual de cocaína, heroína e cannabis, presentando trastorno por uso de substancias ou drogas de abuso que "minguaban lixeiramente as súas capacidades volitivas, pero sen afectar as súas capacidades intelectivas", apunta a Fiscalía.
Desde a súa detención o acusado permanece en prisión provisional coa prohibición de comunicarse coa súa vítima.
Ademais da pena de catorce anos e dez meses de prisión a Fiscalía solicita que sexa condenado á pena accesoria de prohibición de aproximarse a menos de 500 metros da muller, do seu domicilio, lugar de traballo ou calquera outro lugar que frecuente así como de comunicarse con ela por calquera medio durante vinte e catro anos e dez meses.
En concepto de responsabilidade civil pide que o procesado indemnice á muller en 7.650 euros polas lesións sufridas.