Dúas persoas resultan feridas nun brutal accidente nocturno na autovía do Salnés
Por Redacción
Pasadas as 23.00 horas da noite do venres, unha furgoneta que portaba un remolque e un turismo impactaban á altura da saída da Autovía do Salnés en San Martiño no Concello de Meis.
Dúas persoas resultaban feridas tras o brutal impacto que provocou o envorco da furgoneta. Como consecuencia do accidente, axentes da Garda Civil de Tráfico cortaban o paso á circulación durante catro horas en dirección a Pontevedra. Foi necesario desviar aos vehículos a través da saída de San Martiño de Meis.
As dúas persoas que viaxaban na furgoneta foron trasladadas, segundo informan desde o servizo de Emerxencias de Cambados, ao Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra, para ser tratadas das diferentes feridas. Ambos os ocupantes queixábanse de dor cervical, lumbar, dorsal, torácico e diversas mazaduras.
Ata o lugar, ademais do servizo de Protección Civil de Cambados, desprazáronse ambulancias do 061, integrantes da Garda Civil de Tráfico e persoal de Mantemento de Estradas para limpar a calzada dos restos dos vehículos.