Os votos de PSOE e Veciñanza sacan adiante o Plan de Mobilidade Urbana Sostible de Cuntis
Por Redacción
Os votos a favor dos grupos municipais de PSOE e Veciñanza permitiron esta semana aprobar o Plan de Mobilidade Urbana Sostible. O PP abstívose na votación.
A aprobación realizouse no Pleno ordinario celebrado este xoves. O PP presentara unha serie de alegacións ao documento que foron rexeitadas e, no debate plenario, abstívose. O alcalde, Manuel Campos, cualificou esta reacción como "unha pataleta" e lembrou que no seu día o PP non se presentou á comisión de traballo do plan nin formulou no momento correspondente ningunha achega ao proxecto.
O Partido Popular si presentou alegacións no momento de exposición pública do proxecto e o alcalde socialista interpreta que con esta actuación "só pretendía torpedear e atrasar" a aprobación do Plan, que o equipo de Goberno considera "fundamental" para o municipio en materia de mobilidade e accesibilidade e para mellorar a calidade de vida da cidadanía.
Veciñanza e o PSOE indicaron ao longo de debate que o PP tratou dende o principio de "intoxicar" o documento querendo volver ás políticas de "predominio dos coches ante os espazos públicos sostibles e adaptados ás persoas" e acusaron aos populares de "tentar xustificar con mentiras unha postura que non se sustenta".
Manuel Campos defendeu que este Plan é un documento técnico que realiza un diagnóstico e ofrece solucións para aumentar a calidade do conxunto da mobilidade dándolle prioridade ás persoas e á convivencia por enriba dos vehículos e convidou ao PP a "cambiar o chip" lembrando que "todas as políticas e axudas económicas a nivel europeo camiñan cara unha mobilidade máis peonil, limpa e respectuosa".
O PP si apoiou outro dos asuntos da orde do día do Pleno, o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), un documento estratéxico que define os instrumentos para lograr a redución das emisións de CO2 e doutros gases de efecto invernadoiro en, polo menos, un 40% para 2030.
Este documento aprobouse por unanimidade e é de redacción obrigada por parte dos concellos adscritos ao Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía.
Menos sorte tivo a moción do Partido Popular na que se solicitaba a posta en marcha de medidas de recuperación económica para o tecido produtivo afectado pola crise da covid-19, que foi rexeitada polo grupo de goberno. O concelleiro socialista José Treviño asegurou que xa están "traballando no bo camiño" e puxeron iniciativas neste eido.
Relacionadas:
-
Concello e comerciantes de Cuntis reparten bonos de desconto para impulsar o comercio local
Por Redacción |
-
O PP de Cuntis critica que o Goberno local rexeitase as súas alegacións ao Plan de Mobilidade
Por Redacción |
-
Cuntis participa na Semana Europea da Mobilidade cun peche simbólico do tráfico no casco histórico
Por Redacción |
-
Pleno comprometido coa igualdade e a sustentabilidade no Concello de Cuntis
Por Redacción |