A área sanitaria suma 57 novos positivos de covid-19 e mantén 57 pacientes nos hospitais
Por Natalia Puga
Un total de 1.136 pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés teñen este domingo a infección da covid-19 activa. Son 31 menos que o sábado a pesar de que nas últimas 24 horas confirmáronse 57 novos positivos nas probas PCR realizadas. Esta diferenza débese, un día máis, a que son máis as persoas que se curan que as que confirman un novo contaxio.
Desde o inicio do plan de continxencia da covid-19 curáronse na área sanitaria 4.220 pacientes, dos que 88 confirmáronse na última xornada.
Do total de casos activos contabilizados, 1.079 son persoas que, ao presentar cadros leves da enfermidade, evolucionan nos seus domicilios, onde deben permanecer en illamento. Os 57 restantes están ingresados nos distintos hospitais da área sanitaria.
Nos hospitais apenas se notaron cambios nas últimas horas. Segundo o último balance oficial, estes 57 pacientes hospitalizados son un máis que o sábado, aínda que tamén hai que ter en conta que houbo un paciente falecido en leste mesmo período. Trátase dun home de 79 anos que faleceu no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra, a vítima 53 da covid-19 na área sanitaria.
Do total de ingresados, seis permanecen na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo e 51 ingresados en planta de hospitalización, 41 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 5 no QuirónSalud Miguel Domínguez e 5 no Hospital do Salnés.
Nas últimas 24 horas fixéronse na área sanitaria un total de 905 probas PCR, que elevan a 89.544 o total de probas xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria.
A nivel autonómico, segundo o último balance oficial, hai en toda Galicia hai este domingo 307 pacientes menos coa infección activa, situándose en 7.904. Nas últimas 24 horas confirmáronse 329 novos casos en probas PCR. Son 26 contaxios menos que na xornada anterior.
Apenas se notaron cambios na presión asistencial no conxunto de Galicia. Os pacientes hospitalizados en planta pasaron de 381 a 388 en 24 horas e os ingresados en unidades de coidados intensivos baixaron de 85 a 81. Ata o momento, curáronse 42.856 persoas en Galicia e faleceron 1.193.
Os servizos médicos galegos realizaron desde o inicio da pandemia 894.592 probas PCR e 422.217 probas serológicas.
Relacionadas:
-
A covid-19 cébase coa residencia Soremay de Pontevedra, que ten un brote con 20 positivos
Por Natalia Puga |
-
A pandemia deixa xa 53 mortos na área sanitaria tras falecer un home de 79 anos no Hospital Domínguez
Por Natalia Puga |
-
Baixan os pacientes hospitalizados e os casos activos na área sanitaria, pero os novos contaxios non frean: 55 nun día
Por Natalia Puga |