Menús de Nadal para 120 menores en situación vulnerable de Pontevedra
Por Redacción
O Concello de Pontevedra e Afundación cubrirán durante as festas de Nadal as necesidades de alimentación de 120 menores en situación de vulnerabilidade social e/ou risco de pobreza do municipio.
Esta iniciativa solidaria supón reeditar a colaboración entre o departamento municipal de Benestar Social e Afundación que durante o pasado verán xa levou 170 menús escolares diarios a familias de Pontevedra que o precisaban.
Nesta ocasión, a iniciativa solidaria leva por nome Cubertos de Nadal e, segundo avanzou o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, distribuiranse menús entre os días 22 de decembro e 4 de xaneiro no Café Moderno Afundación.
Os organizadores establecerán dúas quendas de 60 beneficiarios e no caso de que algunha familia non poida achegarse, a agrupación de voluntarios de Protección Civil levaralle ó menú á casa.
Esta iniciativa busca dar resposta á realidade derivada da crise da covid-19 e ao agravamento das situacións de vulnerabilidade e risco de pobreza, particularmente das familias con menores ao seu cargo.
Benestar Social encargarase de facilitarlle a Afundación a información sobre o número de menús axeitados para fornecer aos menores beneficiarios, así como de colaborar no correcto desenvolvemento e execución do programa. Afundación porá os kits e menús a disposición dos beneficiarios gratuitamente e efectuará os labores de vixilancia e control dos mesmos, garantindo a aplicación da normativa sanitaria vixente.