O CAAN supera as 500 adopcións no que vai de ano
Por Redacción
O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra segue batendo récords neste 2020.
Se a finais do pasado outubro lograba bater a súa marca histórica de adopcións anuais, que estaba en 466 animais, esta mesma semana as instalacións da Armenteira xa superaron os 500 cans e cadelas adoptados. Era a cifra que a institución se marcara como novo obxectivo para todo o ano. Concretamente, segundo a Deputación, son xa 514 os animais que desde xaneiro atoparon un novo fogar. Trátase dunha cifra "espectacular" xa que, polo confinamiento derivado da pandemia da covid, as adopcións estiveron suspendidas entre o 14 de marzo e o 11 de maio.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo destacar estes datos cando aínda queda un mes para que remate o 2020, subliñando que "a maior concienciación da sociedade sobre benestar animal e as continuas campañas para a adopción e contra o abandono, e de visibilización dos animais explican este aumento. Desde 2015 levamos xa preto de 2.500 animais adoptados non só na provincia, senón noutros lugares de Galicia, do Estado e incluso do estranxeiro, especialmente Portugal".
Pola súa banda, o número de recollidas nos centros adheridos foi menor que noutros anos, situándose en 1.052, cando o foron un total de 1.332. Ademais, da citada cifra a metade dos animais foron recuperados polos seus propietarios e propietarias, concretamente 308 cans e cadelas foron recollidos no mesmo lugar do aviso da súa aparición, e outros 205 nas propias instalacións do CAAN.
O centro de acollida presta servizo a 50 concellos da provincia. A Deputación tamén lembra que as adopcións son gratuítas e o persoal sempre asesora ás persoas interesadas sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades. Tanto para visitar o centro como para formalizar as adopcións hai que solicitar cita previa no teléfono 986 140 360.
Relacionadas:
-
Rescatan 12 cachorros de dúas camadas nun prazo de dous días en Caldas de Reis e O Porriño
Por Redacción |
-
O Centro de Acollida de Animais pechou 2020 cun récord de adopcións e menor número de recollidas
Por Oskar Viéitez |
-
O CAAN bate o seu récord anual de adopcións
Por Redacción |
-
O CAAN súmase ao Día Mundial dos Animais cunha campaña de concienciación
Por Redacción |
-
Rescatan 28 cachorros de catro camadas nas últimas dúas semanas
Por Redacción |