O estudo dun equipo internacional de científicos, no que participaron membros do Centro Superior de Investigacións Científicas - concretamente do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo - conclúe que: analizar as bacterias da augas residuais axuda a predicir a propagación do coronavirus.
Detectar coronavirus en augas residuais é unha práctica investigadora que desde o inicio da pandemia utilizouse para detectar variacións da enfermidade na poboación. Estes métodos permiten un sistema de predición con algunhas semanas de antelación xa que os síntomas maniféstanse uns días despois de ser contaxiados; e iso, en caso de non ser asintomáticos.
De feito en España, hai investigadores que con estes procedementos concluíron que o coronavirus estaba de forma asintomática en España antes de que se declarase a pandemia e o estado de alarma. Antonio Figueras, investigador do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, dependente do CSIC, considera que "é algo que debería establecerse desde a Comisión Europea para estendelo a todos os países; e non só para a saúde humana".
No caso de Galicia, o IIM, tamén está a estudar o microbioma (conxunto de bacterias que aparecen nas augas residuais). O pasado verán o CSIC, a Xunta e a Universidade de Vigo asinaban un convenio de colaboración para desenvolver un proxecto de detección temperá da covid-19 en dez estacións depuradoras de Galicia. Un proxecto que no caso da provincia de Pontevedra realízase nas de Baiona, Nigrán, Gondomar, Cambados e Moraña. "Non só detectamos a presenza e cantidade de virus, senón tamén mobilidade e cambios na poboación", explicaba Figueras no podcast Mentres isto dure.
E, que se fai en Pontevedra?. Desde PontevedraViva Radio iniciáronse xestións no mes de outubro con Viaqua; posteriormente co Concello de Pontevedra e finalmente coa Xunta de Galicia, desde a que se indicou que con motivo das obras que se están a acometer na estación depuradora de Praceres decidiuse non realizar estas analíticas en Pontevedra.