Comeza o mes de decembro cun anticiclón nas Rías Baixas e temperaturas de ata 20 graos
Por Redacción
Novembro finaliza coas Rías Baixas baixo a influencia anticiclónica, debido á presenza dun anticiclón no suroeste de Irlanda que afecta a Galicia. Desta forma, este luns 30 de novembro manterase con ceos nubrados ou despexados. As temperaturas continuarán entre os 10 e os 20 graos, con lixeiros descensos das mínimas e lixeiros ascensos das máximas. O vento soprará frouxo de compoñente este en xeral, con vento do nordés moderado no litoral norte, segundo o servizo de Meteogalicia.
Durante o martes 1 de decembro, a provincia de Pontevedra manterase baixo a influencia anticiclónica, coa chegada dunha fronte pouca activa polo norte de Galicia durante a noite. A xornada iniciarase con bancos de néboa illados en zonas de interior que darán paso a ceos despexados ou con algunhas nubes altas. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso para establecerse entre os 9 e os 20 graos. Os ventos soprarán frouxos do nordés, aumentando en intensidade no litoral durante a noite.
A influencia das altas presións manterase durante o mércores 2. Están previstos ceos con intervalos de nubes medias e altas. As temperaturas máximas sufrirán un descenso entre lixeiro e moderado situándose as mínimas en 10 e as máximas en 14 graos. Os ventos soprarán do nordés, frouxos no interior, moderados na costa.
A partir do xoves 4 vai haber un cambio debido a que as altas presións se retiran cara ao oeste e deixarán a Galicia na influencia dunha profunda borrasca situada ao norte das Illas Británicas, con réxime de ventos do oeste e progresiva entrada de aire frío. A xornada iniciarase con ceos parcialmente cubertos e co avance do día aparecerán chuvascos. As precipitacións comezarán polo noroeste de Galicia e ao final da tarde serán probables en calquera punto da comunidade. As temperaturas descenderán, especialmente as mínimas para quedar entre 7 e 12 graos. O vento soprará de compoñente oeste, frouxo a primeiras horas, para aumentar ata ser forte durante a noite, con refachos moi fortes no litoral norte.
De cara á fin de semana achegarase unha masa de aire polar marítimo impulsada polos ventos do noroeste. Baixarán as temperaturas e as precipitacións durante o venres e o sábado serán de neve en zonas altas. A influencia das borrascas manterase, con alta probabilidade de choiva nas Rías Baixas. As temperaturas situaranse entre os 7 e os 13 graos, con alta probabilidade de que aumenten a partir do domingo 6 de decembro.