Condenado a 12 anos de cárcere un veciño de Vigo que acoitelou á súa parella
Por Oskar Viéitez
A Sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra condenará a 12 anos de prisión a, Jose Francisco C.M. un veciño de Vigo que este luns recoñeceu que tentou asasinar á súa compañeira sentimental cravándolle un coitelo en zonas vitais.
A Fiscalía pedía catorce anos e dez días de prisión para este home pero finalmente introduciu a atenuante de drogadicción xa que, como o mesmo acusado explicou na vista oral, no momento da comisión dos feitos "estaba muy drogado" porque consumira "varios gramos de cocaína, alcohol y heroína fumada".
As probas forenses confirmaron que o acusado naquela época era un politoxicómano e que presentaba un trastorno por consumo de substancias ou drogas de abuso que "minguaban lixeiramente as súas capacidades volitivas, pero sen afectar as súas capacidades intelectivas", segundo apuntou a Fiscalía.
Ao confesar a súa autoría e aceptar a petición de condena que solicitaban a Fiscalía e a acusación particular o xuízo celebrouse dunha maneira abreviada cos únicos testemuños das forenses e dos veciños do edificio de Vigo onde se produciu esta tentativa de asasinato.
Na madrugada do día 8 de novembro de 2019, este home atopábase no domicilio da súa parella sentimental cando iniciaron entre eles unha discusión, á que puxeron fin, cando ela foise para a habitación, e deitouse na cama, tras tomarse uns fármacos para durmir, permanecendo o procesado no salón-cociña da vivenda.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, sendo aproximadamente as sete e media da mañá, o acusado "abusando da relaxación e confianza en que se atopaba a vítima no seu fogar", entrou sigiloso na habitación, portando un coitelo de cociña cunha folla metálica de 10 centímetros, tombouse na cama xunto á súa parella, "e de forma sorpresiva e súbita tapoulle a boca coa man, con ánimo de acabar coa súa vida" e comezou a cravarlle o coitelo en varias zonas vitais do corpo.
O relato do Ministerio Público sinala que mentres a acoitelaba o acusado dicíalle á súa vítima "co ben que che coidei, con todo o que fixen por ti, así mo pagas". Ela defendeuse con patadas, e mesmo chegou a morder a man ao procesado, pero a pesar diso, este logrou cravarlle o coitelo á súa parella no pescozo e nun peito e, no forcexeo, na man esquerda, logrando esta marcharse da habitación cara á cociña. Unha vez alí, o home, suxeitouna polas mans e obrigouna a poñerse de xeonllos e pedirlle perdón, cousa que ela fixo por medo.
Os veciños relataron este luns como escoitaron os "berros desesperados" da muller á que viron correndo escaleiras abaixo mentres pedía auxilio, ata que logrou saír á rúa, onde foi axudada por terceiras persoas, ata que acudiu a policía e os servizos de emerxencia sanitaria.
O acusado abandonou a vivenda tras ela e tentou fuxir nunha motocicleta sendo retido por un dos veciños, ata que foi detido pola policía, desde ese momento permanece en prisión provisional coa prohibición de comunicarse coa súa vítima.
Ademais da pena de 12 anos de prisión a Fiscalía solicita que sexa condenado á pena accesoria de prohibición de aproximarse a menos de 500 metros da muller, do seu domicilio, lugar de traballo ou calquera outro lugar que frecuente así como de comunicarse con ela por calquera medio durante vinte e catro anos e dez meses.
En concepto de responsabilidade civil pide que o procesado indemnice á muller en 7.650 euros polas lesións sufridas.