Cermi, Cruz Vermella e Cáritas reciben 48.000 máscaras protectoras para as persoas vulnerables
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, participaba este luns no dispositivo de entrega de 48.000 máscaras protectoras ás entidades sociais da provincia para que se repartan entre a poboación máis vulnerable.
As Ong que recibían este material de protección foron Cruz Vermella, Cáritas e Cermi (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade). Estes colectivos encargaranse de distribuír entre as persoas máis desfavorecidas da provincia as máscaras para facer fronte á pandemia. José Luis Doval, responsable do Banco de Alimentos de Pontevedra tamén acudiu ao dispositivo ao recibir material da partida de Cruz Vermella.
A subdelegada sinalou que con esta entrega materialízase, de novo, o compromiso e a colaboración do Goberno con axentes sociais para non deixar a ninguén atrás. Destacou o traballo exemplar destas institucións polo seu labor desde o comezo da crise sanitaria.
Ademais, os 61 municipios da provincia de Pontevedra contarán con 144.000 máscaras para a súa distribución a través dos servizos sociais coincidindo co inicio das festas do Nadal e tamén coa intención de atender ás familias con máis necesidades.
A Subdelegación do Goberno repartiu 192.000 máscaras en toda a provincia neste novo dispositivo, o quinto desde o comezo da pandemia. Desta cantidade, 48.000 serán repartidas polas Ong e 58.000 pola Deputación de Pontevedra a aqueles concellos con poboación inferior a 20.000 habitantes. Entre os concellos con máis poboación, Vilagarcía de Arousa recibirá 6.000 máscaras; 13.000, o municipñio de Pontevedra e Vigo chegará ás 45.500.
Deste xeito, o tenente de alcalde de Pontevedra Tino Fernández e o concelleiro de Benestar Social Marcos Rey tamén se desprazaban ata o Parque Móbil do Estado para conversar con Maica Larriba e supervisar a recollida desas 13.000 mascarillas de protección que o Estado, a través da Subdelegación do Goberno, puxo a disposición do Concello de Pontevedra para repartir entre os colectivos con máis dificultades. O material recibido, organizado en packs de 50 unidades, coa intención de que se reparta canto antes.
A cifra de máscaras repartidas na provincia durante estes meses achégase a un millón de pezas, segundo anuncia a Subdelegación do Goberno.
Relacionadas:
-
Cáritas abre campaña de doazóns para o seu novo albergue cun homenaxe aos seus colaboradores
Por Redacción |
-
Cruz Vermella, Cermi e Cáritas recibiron 60.000 máscaras para a súa distribución entre os máis vulnerables
Por Redacción |
-
Os concellos e ONGD de Pontevedra recibirán 300.000 máscaras do Goberno como apoio ao inicio do curso escolar
Por Redacción |
-
Entidades sociais de Pontevedra reciben 60.000 máscaras de protección
Por Redacción |