A musealización do castro da Subidá irá ao Parlamento galego e ao Congreso dos deputados
Por Oskar Viéitez
A portavoz municipal do grupo municipal do BNG en Marín, Lucía Santos Omil informou que o Bloque Nacionalista Galego vén de presentar no Parlamento Galego unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a paralizar as obras de musealización no Castro de A Subidá en Marín.
Os nacionalistas queren acordar coa Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento a reformulación do proxecto para "garantir a protección e conservación dos valores do xacemento".
Ademais disto, o deputado do BNG Paulo Ríos, rexistrou unha serie de preguntas nas que se piden explicacións á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural por estas actuacións que se están levando a cabo no Castro de Toiriz (Silleda), Alobre (Vilagarcía) e A Subidá (Marín) que califican de "auténtica actuación aberrante e agresiva cara a un ben patrimonial de extraordinaria valía".
Dende o BNG esixen á Xunta a paralización inmediata da execución das obras que se están realizando no marco do Proxecto de Restauración e Musealización dos Xacementos galaico-romanos de Pontevedra "e evitar a desfeita que se está levando a cabo co visto e prace de Patrimonio Cultural e Xunta".
Pola súa banda, Unidas Podemos vén de rexistrar unha iniciativa no Congreso para que o Ministerio de Transportes vixíe as obras de restauración destes tres castros da provincia de Pontevedra.
Antón Gómez Reino, deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común no Congreso, súmase á preocupación de diversas entidades culturais pola execución das obras de restauración e musealización dos castros de Alobre, A Subidá e Toiriz. "Cremos que se deben tomar medidas para que a empresa adxudicataria cumpra coa lexislación e restaure o patrimonio respectando a nosa cultura, dignidade e identidade".