A Policía Local identificou 17 persoas celebrando un aniversario na Escusa
Por Redacción
A Policía Local de Poio tramitou, a través dos diferentes controis efectuados ao longo da pasada semana, 45 denuncias por incumprimento das medidas restritivas decretadas pola Xunta de Galicia para tratar de frear a propagación da covid-19.
A maioría delas (30) corresponden ao non cumprimento do peche perimetral e á celebración de reunións entre persoas non convivintes, mentres que as 15 restantes teñen que ver coa non utilización da máscara tal e o como o establece a normativa vixente.
Entre as intervencións efectuadas polo corpo de seguridade municipal figura a realizada na Escusa a primeira hora do pasado sábado, 28 de novembro. Unha patrulla desprazouse ata este emprazamento, logo de recibir unha chamada veciñal alertando da presenza dun grupo de persoas no merendero. Unha vez alí, os axentes constataron que se estaba a celebrar un aniversario, no que estaban a participar tanto menores de idade como adultos.
En total, o grupo estaba formado por 17 persoas, incumprindo a restrición que impide que se xunten persoas non convivintes. Ademais, entre os alí presentes figuraban veciños doutros municipios como Meaño, cuxo peche perimetral non coincide co de Poio.
Ademais, a Policía Local tamén interviu para disolver unha xuntanza que se celebrou no interior dunha vivenda particular na parroquia de Combarro.
Os axentes acharon a sete persoas que se atopaban xogando ás cartas fumando, sen máscara e sen respectar as distancias decretadas polas autoridades sanitarias.
Asemade, tamén se identificaron a tres persoas procedentes do Barco de Valdeorras que se atopaban nunha autocaravana estacionada na área da Seca e que non dispuñan da xustificación pertinente para explicar a súa presenza no municipio de Poio.
A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, volve insistir en que "con este tipo de comportamentos dificilmente poderemos conseguir que a situación mellore e, polo tanto, resultará máis complicado que remitan as restricións". A edil do Goberno local apela en que "o cumprimento das medidas é unha cuestión de responsabilidade individual, porque, por moitos controis que se fagan, as autoridades non poden garantir que non se produzan incidencias deste tipo, por moito que a maioría da xente estea a ter un comportamento exemplar".
Caldas Moreira lembra que, case catro semanas despois da entrada de Poio no nivel máximo de restricións, "os datos continúan a ser preocupantes e, lonxe de reducirse os contaxios, volven a subir", polo que recalca que "debemos evitar caer na relaxación e evitar as xuntanzas familiares que non sexan entre convivintes, que é unha das infraccións máis habituais coas que se está a atopar a Policía Local". Do contrario, non se descarta que sexa preciso tomas máis medidas a maiores das agora vixentes.
Por outra banda, a Policía Local de Poio tamén levou a cabo inspeccións en diferentes establecementos de hostalería, sen que se detectasen incidencias ou irregularidades.
Ademais, de cara á ponte do 6 de decembro, o corpo de seguridade ten previsto intensificar os controis nas estradas, para velar polo cumprimento do peche perimetral.