O BNG lembra ao Goberno de Pedro Sánchez as "demandas históricas" do concello de Poio
Por Oskar Viéitez
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, confirmou este mércores o "non" aos Orzamentos Xerais do Estado para 2021 e criticou de maneira moi dura aos dous socios do Goberno, PSOE e Unidas Podemos, por tratar "peor" a Galicia do que o fixo o PP nas anteriores contas públicas.
A marxe de manobra estréitase pero no Bloque seguen esperando unha chamada a pesar de ser conscientes de que o presidente Pedro Sánchez xa non os necesita e Pablo Iglesias expresou a súa preferencia polos independentistas cataláns e vascos.
Co seu apoio á investidura de Pedro Sánchez o BNG conseguiu o compromiso da rebaixa das peaxes da AP-9 pero agora parece moi difícil que os nacionalistas consigan sacar adiante o centenar de emendas presentadas ao borrador das contas do Goberno.
Entre esas emendas hai tres "demandas históricas" do Concello de Poio que este mércores lembraban nunha comparecencia de prensa a responsable local do BNG, Marga Caldas; o alcalde de Poio, Luciano Sobral e o responsable comarcal da formación nacionalista, Demetrio Gómez.
Trátase da dotación de pantallas acústicas para atallar o ruído da autoestrada na zona do Peirao da Barca; a finalización do paseo costeiro de Lourido ata a Ponte da Barca e a "recuperación patrimonial e ambiental" para uso público da Illa de Tambo.
Marga Caldas lembrou que son "demandas históricas" que formaron parte do programa electoral do BNG "e o que queremos é que os veciños saiban que o noso compromiso é firme e non só se limita á campaña electoral".
Pola súa banda Demetrio Gómez asegurou que os Orzamentos do Partido Socialista e Unidas Podemos supoñen para Galicia unha caída territorializada de máis de 11 por cento (104 millóns de euros) en relación ás contas de Cristóbal Montoro de 2018. Gómez Xunqueira lamentou este trato a Galicia nun contexto de Orzamentos expansivos nos que o investimento global crece por encima do 68 % e a maioría das comunidades ven aumentada o seu investimento por encima do 45 %, especialmente as do arco mediterráneo.
"É razonable que este país teña a consideración do Estado e que se invista nel porque levamos anos con falta de investimentos coas necesidades importantes que temos", engadiu Luciano Sobral.
Relacionadas:
-
A apertura de Tambo avanza co compromiso de Poio a asumir a titularidade da illa
Por Redacción |
-
Un novo centro de saúde ou o vial do Vao, entre as emendas do BNG aos orzamentos da Xunta
Por Redacción |
-
Deputados pontevedreses do PP critican os PGE porque debería ser "menos ideolóxicos e máis útiles"
Por Redacción |
-
O BNG presenta unha emenda para que o Ministerio mellore a estrada N-550 ao seu paso por Barro
Por Redacción |
-
PGE 2021 | As emendas do BNG piden 25 millóns para o Museo, a N-550, a Xunqueira de Alba e o paseo a Marín
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O PP presentará emendas ao orzamento do Estado para "garantir unha maior e mellor recuperación da provincia"
Por Oskar Viéitez |