Os Reis Magos xuntan máis cómplices que nunca e recadan 400 agasallos
Por Redacción
A campaña solidaria de Nadal (en)Volve, impulsada pola Concellería de Benestar Social de Pontevedra e a Fundación Meniños, iniciou a súa recta final neste mes de decembro cunha cifra de 604 cómplices dos Reis Magos e de 400 agasallos recibidos.
En apenas un mes, a iniciativa, que ten o obxectivo de que ningún rapaz quede sen o seu presente nestas datas tan especiais, xa recibiu 536 cartas destinadas aos colaboradores das súas Maxestades de Oriente, tendo confirmada nestes momentos a participación na campaña de 563 nenos e adolescentes (en 2019 chegouse aos 588).
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, amosouse emocionado ante o "derroche de xenerosidade e solidariedade" dunha cidade que, "mesmo nestas circunstancias tan complicadas para todos, sempre que se precisa dela, responde e vólcase con aqueles que máis o precisan".
Nesta edición, a resposta cidadá foi tan grande que o número de cómplices supera con moito ao de cartas recibidas, cando noutros anos, a estas alturas, ían á par. "Temos máis xente disposta a colaborar que persoas que precisan esa axuda, o que sempre é unha boa nova", dixo o edil.
A campaña (en)Volve, que este ano se iniciou con antelación con respecto a edicións anteriores para poder planificala con tempo e garantir a seguridade para tódalas persoas implicadas, ten en 2020 como principal novidade que só se entregan as cartas vía whatsapp, evitando así o contacto presencial tanto coas familias receptoras dos agasallos como cos cómplices que participan. Só se acudirá de xeito presencial á Casa Azul para a entrega do correspondente agasallo.
Todos aqueles que queiran converterse en cómplices dos Reis Magos este Nadal deberán encher un formulario (descargar aquí). Os agasallos terán un importe máximo de 35 euros e dende a Concellería de Benestar Social e a Fundación Meniños anímase a todo o mundo a adquirilos no comercio local.
Relacionadas:
-
Regresa (en)Volve, para que ningún neno pontevedrés quede sen agasallo este Nadal
Por Redacción |
-
A campaña (en)Volve permitirá que 633 nenos e adolescentes reciban agasallos na noite de Reis
Por Redacción |
-
O taller dos Reis Magos prepara as carrozas coas que chegarán a Pontevedra
Por Redacción |
-
Meniños completa o número de cómplices para agasallar a menores de familias desfavorecidas
Por Redacción |
-
Os axentes da Policía Nacional impulsan a iniciativa solidaria "Operación Potito"
Por Redacción |
-
As luces festivas xa iluminan Pontevedra porque hai máis motivos que nunca para celebrar o Nadal
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Pontevedra xa ten máis cómplices dos Reis Magos que menores sen recursos que necesitan agasallos
Por Redacción |
-
A pandemia adianta e fai máis necesaria a campaña de agasallos de Nadal 'En-volve'
Por Redacción |