Acode á comisaría por unhas desfeitas no Parque da Memoria e ao chegar causa un accidente e dá positivo en drogas
Por Redacción
O sábado as persoas que se atopaban polo Parque da Memoria en Poio levaron un susto monumental cando un todoterreo penetrou polos xardíns facendo manobras perigosas co vehículo, deixando as marcas das rodas no céspede.
A continuación, o condutor fuxía do lugar. Alertada a Policía Local, os axentes grazas á axuda da veciñanza lograban localizar ao responsable ao que se lle acusaba dun presunto delito de danos e reclámaselle o custo da reparación.
O presunto autor é un home de 31 anos, veciño de Pontevedra. A Policía Local procedeu a formular a denuncia, ademais, por unha condución temeraria.
Este martes 1 de decembro, o home foi citado para comparecer nas dependencias policiais e ese mesmo día causaba un accidente nas proximidades da comisaría. Os axentes sometían ao home ás probas de consumo de alcol e de substancias estupefacientes ofrecendo resultado positivo en drogas.
Ante esta nova incidencia, o condutor foi proposto para unha sanción de 1.000 euros e a retirada de seis puntos do permiso de conducir.