Microempresas, autónomos e establecementos hostaleiros serán os principais beneficiarios do Plan de rescate da Xunta
Por Redacción
A Xunta de Galicia destina 97 millóns de euros ás axudas do Plan de rescate dos sectores máis afectados pola covid-19. Trátase dunha convocatoria de liñas de axuda que contempla dous programas: por unha banda, a microempresas e autónomos con persoal a cargo e, por outra, aos colectivos e pemes do sector da hostalería.
Con este Plan de rescate, a Xunta pretende contribuír ao mantemento do emprego e da actividade económica de 30.000 persoas traballadoras autónomas e de 10.000 microempresas, así como apoiar a actividade dos establecementos da hostalería afectados polos peches recomendados polas autoridades sanitarias nos concellos con restricións especiais desde o pasado mes de outubro.
Ata o próximo 28 de decembro pódense solicitar estas axudas, que contemplan unhas contías que van desde os 4.000 aos 5.000 euros, segundo o caso.
PROGRAMA I: MICROEMPRESAS
Este programa ten por obxecto apoiar o mantemento do emprego e a actividade económica das persoas traballadoras autónomas con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, microempresas e, excepcionalmente, as pemes que desenvolven a súa actividade económica nos sectores especialmente paralizados pola covid-19.
As persoas ou entidades beneficiarias serán aqueles traballadores autónomos con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica e, excepcionalmente, as pemes, sempre que desenvolvan a súa actividade económica nos sectores especialmente paralizados.
As persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir estes requisitos: domicilio fiscal en Galicia, ter ou autorizar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) pola covid-19 desde a declaración do estado de alarma e que a facturación baixase polo menos o 45 % no ano 2020, para o que se realizará unha comparación entre o facturado en todo o ano 2019 e os tres primeiros trimestres de 2020.
Considérase actividade especialmente paralizada: o lecer nocturno (discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas e salas de concertos nocturnas), actividades económicas do ámbito das atraccións de feira e un amplo catálogo de negocios que se detallan no Diario Oficial de Galicia do 27 de novembro de 2020 e que inclúen, entre outros: transporte por taxi, transporte marítimo de pasaxeiros, transporte de pasaxeiros por vías navegables interiores, provisión de comidas preparadas para eventos, actividades de exhibición cinematográfica, axencias de viaxes, operadores turísticos, organización de convencións e feiras de mostras, artes escénicas, xestión de salas de espectáculos, parques de atraccións ou temáticos e outras actividades recreativas e de entretemento.
Para maior información, a Xunta habilitou o teléfono 900 81 56 00 e a web www.oficinadoautonomo.gal.
PROGRAMA II: HOSTALERÍA
En canto ao sector hostaleiro, as axudas específicas para os establecementos pechados desde a implantación das medidas sanitarias do pasado mes de outubro beneficiarán a persoas traballadoras autónomas con ou sen persoal contratado, microempresas e pemes inactivas durante un mínimo de quince días nos dous últimos meses. Ademais dos negocios de comidas e bebidas, estes apoios ábrense aos hoteis, hostais, casas rurais e outros aloxamentos situados nos concellos afectados polos peches perimetrais.
No caso dos hostaleiros, as axudas concederanse por establecemento e serán de 1.500 euros por mes de paralización da actividade desde o mes de outubro. Se os candidatos son empresarios con 10 ou máis traballadores percibirán a cantidade de 2.000 euros por mes de peche, ou a parte proporcional en ambos os casos se a actividade permaneceu parada por un período menor, nunca inferior aos quince días.
Estas axudas súmanse ás dirixidas a dotar de maior liquidez ás persoas traballadoras autónomas con ou sen persoal ao seu cargo.
AXUDAS PARA AS TERRAZAS E SERVIZO A DOMICILIO
A maiores dos programas anteriores, o Diario Oficial de Galicia do 3 de decembro de 2020 publica unha nova liña de axudas por 3 millóns de euros dirixida aos sectores da hostalería e a restauración para a instalación, reforma e adaptación das súas terrazas e a adquisición de elementos de envasado e embalaxe de comida e bebida para o servizo de consumo no domicilio.
Así, abríronse as liñas de axuda para melloras de terrazas e servizo a domicilio, de 1.200 a 20.000 euros e de créditos de entre 3.000 e 500.000 euros en préstamos directos.
En concreto, os apoios directos cubrirán o 80% do investimento a autónomos e pemes de menos de 50 traballadores, desde un mínimo de 1500 euros de investimento ata un máximo de 25.000, sendo por tanto a axuda mínima de 1.200 euros e máxima de 20.000. Ademais, inclúen a achega de anticipos no momento da resolución favorable da axuda pola metade da contía dos gastos realizados.
AXUDAS COMPLEMENTARIAS E CONSENSUADAS
Todas as axudas son complementarias e acumulables entre si, ademais de compatibles coas demais axudas que poidan outorgar as administracións públicas. Entre estes apoios, hai que apuntar unha nova liña por 10 millóns de euros a través da cal se concederán préstamos con intereses baixos e próximos ao 0%. Estes créditos poderanse amortizar en sete anos, con tres de carencia, e están pensados especialmente para sectores como a hostalería, o lecer nocturno, o comercio estacional, as feiras ou a economía social.
No caso da hostalería, estas medidas sitúan a Galicia á cabeza das comunidades autónomas en canto aos apoios dispensados a este sector. Cómpre destacar que o plan de rescate se deseñou en colaboración cos colectivos profesionais e sectoriais. No caso dos hostaleiros, este acordo referendouse nun documento conxunto asinado por representantes da Xunta, da Mesa de negociación da hostalería de Galicia e do Clúster de Turismo.
Ademais, a Xunta avogou por un mecanismo de tramitación sinxelo para as axudas, electrónico e por medio dunha declaración responsable dos candidatos, polo que se estima que as primeiras contías poderán chegar aos seus destinatarios antes de que remate este mes de decembro.