A finais de abril estarán rematadas as obras de reforma do antigo ximnasio da Once para a práctica de esgrima e taekwondo
Por Redacción
Xa están en marcha os traballos de reforma do antigo ximnasio do centro da Once en Pontevedra. A empresa Construcciones Ramírez aborda esta obra que se centra en eliminar os problemas de humidade e condensación que afectaban á instalación.
Cun orzamento de 448.636 euros realízase unha actuación que se centra en converter este espazo nunha zona óptima para adestrar con eficiencia enerxética. A obra está cofinanciada por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). A execución dos traballos deberá estar finalizada nun prazo de seis meses e a empresa comprometeuse a ter a reforma terminada antes da primavera de 2021, en concreto, a finais de abril.
Arturo Ramírez, presidente da empresa construtora, acompañaba a Tino Fernández, concelleiro de Deportes e tenente de alcalde durante a visita que realizaba este xoves ás instalacións.
Segundo explicaba Tino Fernández este espazo converterase nun lugar idóneo para a práctica de disciplinas como o taekwondo e a esgrima. O antigo ximnasio da Once conta con dous volumes; un de maior tamaño con dous pisos, destinado ás actividades deportivas, e outro máis pequeno, no que se atopan os vestiarios e o despacho.
A obra aborda a mellora das condicións térmicas no espazo de pista deportiva; a optimización das instalacións de calefacción e de auga quente sanitaria; a instalación dun sistema de ventilación; a reforma para facilitar a accesibilidade ao pavillón e a adaptación á normativa de incendios. Está prevista tamén a reparación de toda a estrutura de formigón.
Abrirase unha porta de emerxencias na fachada suroeste da pista deportiva, cambiaranse as portas dos percorridos de evacuación que non se axustan á normativa actual e protexerase a estrutura metálica dos arcos existentes na estrutura. Entre outras actuacións, tamén se cambiará a tella da cuberta por tella curva sobre placa de vitrocemento e substituiranse as carpinterías actuais por xanelas fixas de aluminio.
Instalarase tamén un falso teito continuo de taboleiros ignífugos sobre a pista deportiva e o inmoble contará cun xerador de auga quente mediante enerxía solar cunha unidade de tratamento de aire para a climatización das instalacións.