Repulsa social ante a morte de Soledad Rey Valverde, vítima en Gondomar dun novo asasinato machista
Por Redacción
Maica Larriba, subdelegada do Goberno en Pontevedra, presidía este venres o minuto de silencio que se convocaba ás portas da Subdelegación do Goberno en recordo de Soledad Rey Valverde, a última vítima de violencia machista que perdía a vida este mércores ao ser asasinada polo seu marido na localidade de Gondomar.
A subdelegada anunciaba neste acto, que tras ser recoñecida oficialmente como vítima de violencia de xénero, Soledad Rey convértese na vítima número 42 en todo o territorio nacional, na terceira en Galicia e na primeira na provincia de Pontevedra durante este 2020.
Larriba mostrou a súa conmoción por este crime e lembrou que "unha vez máis a violencia machista acaba coa vida dunha muller, que ademais deixa un fillo desamparado, cunha diversidade funcional profunda, para o que vivía".
A subdelegada solicitaba a todas aquelas persoas que teñan coñecemento de que nunha familia se produce violencia de xénero e que, por tanto, unha muller se atopa en perigo de morte que denuncien. E lembrou a todas as mulleres en risco que non están soas: "somos todas, xunto á sociedade, as que estamos implicadas en acabar con esta secuela, porque nos queremos vivas".
CONCELLO DE PONTEVEDRA
Tamén se desenvolveu unha concentración diante do Concello de Pontevedra con integrantes da corporación, encabezados polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, e traballadores municipais, que gardaron un minuto de silencio pola vítima deste asasinato en Gondomar.
POIO
Tamén en Poio, o Consello Municipal da Muller realizaba un parón, cun minuto de silencio, ás portas da Casa Rosada para mostrar a repulsa polo asasinato da veciña de Gondomar. A concelleira de Igualdade Silvia Díaz, ademais doutras integrantes do equipo de goberno de Poio, portaron unha pancarta rexeitando a violencia machista.
BUEU
No municipio de Bueu, o goberno local tamén convocou un acto para esta tarde onde se condene este novo asasinato contra unha muller. Será a partir das 20.00 horas diante da Casa do concello de Bueu.