Reclaman o plus de perigosidade para o persoal de limpeza do Hospital Provincial e Montecelo
Por Anxo Lourido
Representantes de Comisións Obreiras (CC.OO.) concentrábanse este venres 4 de decembro diante da entrada á zona de analíticas do Hospital Provincial para reclamar á empresa Acciona, concesionaria do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario de Pontevedra, o pago do plus de perigo ao persoal que realiza os traballos de limpeza tanto no Hospital Provincial como en Montecelo.
Sinalan que as traballadoras que realizan este labor atópanse sometidas a un sobreesforzo en todas as quendas e que non atopan compensación económica por parte da empresa a esta acción que evita o perigo de que se produzan contaxios dentro do recinto dos centros hospitalarios.
Desde CC.OO.esixen que se pague ese plus de perigo do mesmo xeito que se realiza coa ampla maioría das categorías do persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde ou da empresa que se encarga do servizo de Cociña no Hospital Provincial co persoal que serve menús aos pacientes que se atopan hospitalizadios.
Afirman que o persoal de limpeza enfróntase a diario ao risco de contraer covid-19 ao atoparse durante moitas horas exposto ao realizar o traballo, mesmo durante máis tempo que os traballadores sanitarios. No sindicato que na comarca lidera José Ramón Piñeiro consideran que Acciona está a mostrar unha desconsideración e falta de sensibilidade coas traballadoras.
Denuncian unha "actitude de pasotismo" desde Acciona, que ten á venda o sector de Facility Services, no que se atopa a limpeza hospitalaria. Comisións Obreiras denuncia que a empresa se atopa preocupada só de "facer negocio" e se despreocupa do seu persoal. Por este motivo, con esta concentración inician un calendario de mobilizacións esixindo o plus de perigo.
Relacionadas:
-
"Por un convenio digno. Acciona negocia xa!", clama o persoal de limpeza de Montecelo e o Provincial
Por María José Pita |
-
Limpadores ao límite: "en Montecelo dúas persoas de noite fan todo, quirófanos, covid, todo"
Por María José Pita |
-
O persoal de limpeza de Montecelo quéixase do "sobreesforzo permanente" nas áreas de atención á covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
Solicitan reforzos de persoal de limpeza no Complexo Hospitalario de Pontevedra para afrontar as dificultades que provoca a pandemia
Por Redacción |
-
CC.OO. denuncia que a empresa rexeita pagar perigosidade ao persoal de limpeza nos hospitais públicos en plena pandemia
Por Redacción |
-
Comisións Obreiras reclama un plus de perigosidade para o persoal de limpeza do Sergas
Por Oskar Viéitez |