Os hostaleiros marchan de novo polas rúas de Pontevedra contra as medidas da desescalada
Por Manu Otero
Nova mobilización da hostalería pontevedresa. A plataforma de afectados pola covid-19, que integra a empresarios, camareiros, comerciantes, provedores e mesmo clientes; organizou esta tarde de venres unha manifestación desde a Praza de España ata a delegación da Xunta en Pontevedra para evidenciar o seu malestar coas medidas aprobadas polo goberno autonómico para a desescalada da hostalería, que esta fin de semana recupera a súa actividade.
As reivindicacións do sector agrúpanse en tres ramas. En primeiro lugar, piden a reapertura dos espazos interiores cunha limitación máxima de aforo ao 30 %. E para minimizar riscos propoñen instalar medidores de CO2 e elementos de ventilación mecánica, así como lñlevar un rexistro de todas as persoas que accedan ao establecemento e recomendar aos clientes acurtar o seu tempo de estancia no interior.
Con respecto a aforos e horarios, os integrantes da plataforma solicitan ampliar o toque de queda ata medianoite e permitir atender aos consumidores ata as 23 horas. Sobre o consumo na barra, piden que se teña en conta a lonxitude de cada unha e que autoricen o seu consumo nela sempre que se respecte a distancia de 1,5 metros entre persoas.
En referencia ás axudas ao sector, os afectados demandan a exención da cota de autónomos durante os meses sen facturación e unha redución da cota en xeral. A aplicación dun ERTE "único e claro", axudas económicas continuadas mentres dure esta situación de pandemia e a devolución e exención das taxas municipais.
Non esquecen tampouco aos seus compañeiros do lecer nocturno, que suman xa nove meses de clausura sen ningún tipo de plan compensatorio ou alternativo. Para eles piden que se lles permita exercer como cafeterías ou bares e a instalación de terrazas temporais.
Co apoio de preto dun cento de persoas, a caravana percorreu as rúas do centro de Pontevedra, nas que ao mesmo tempo tiña lugar o aceso das luces de Nadal. Desde a Praza de España dirixíronse cara a Benito Corbal, para rodear a mazá e encamiñarse cara á Praza de Galicia e poñer rumbo a María Vitoria Moreno para concentrarse fronte á sede da Xunta e facer oir alí as súas reivindicacións.
Relacionadas:
-
Velorio pola hostalería perdida pola pandemia na Peregrina
Por Manu Otero |
-
BNG e PSOE estudan "alternativas" á supresión de taxas para apoiar os hostaleiros
Por Alejandro Espiño |
-
Once hostaleiros peregrinan a Madrid para chamar a atención sobre a "ruína" do sector: "estamos hasta las pelotas"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A sede de terraza dos pontevedreses pode máis que o frío ou a choiva
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
As restricións horarias e de aforo fan inviable a reapertura da hostalería en Pontevedra
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A Xunta planea unha desescalada por fases para a hostalería que empezaría con aforos reducidos e apertura ata as 17 horas
Por Manu Otero |