Poñen en marcha un estudo para avaliar o estado de saúde de 91 árbores da Alameda
Por Redacción
As árbores da Alameda de Sesmero, en Pontevedra, serán obxectivo dun minucioso estudo sobre o seu estado de saúde. Trátase dunha acción promovida pola concellería de Desenvolvemento Sostible co obxectivo de localizar posibles factores de risco nas árbores.
O exame, contratado cunha achega de 8.000 euros á firma Arbogal, analizará 91 exemplares: 50 plátanos de sombra, 14 carballos do país, 8 carballos americanos, 16 tilos e 3 álamos.
"Nestes momentos está a levarse a cabo un estudo de campo e unha diagnose visual das posibles patoloxías, podremias, ramas en mal estado… A partir de aí, confeccionarase unha base de datos con fichas individuais de cada un dos exemplares, incluíndo a súa localización e emprazamento sobre plano, e sacaranse as conclusións oportunas", explica o edil responsable, Iván Puentes.
Unha vez que se finalice o estudo a idea do goberno municipal é acometer traballos de poda no principio de ano, contemplando no caso de ser necesario a talla se algún das árbores pode supoñer un perigo de caída como a sufrida por un plátano de máis de 100 anos o pasado mes de setembro.
Esta avaliación é "esencial para realizar unha planificación idónea do proxecto para devolverlle á Alameda de Sesmero ao longo deste mandato a imaxe nobre e maxestosa que presentaba cando foi concibida", completou Puentes.