O Mercado de Abastos, convertido nunha pasarela de moda
Por Redacción
Desde o próximo 10 de decembro e ata o día 13 o Mercado de Abastos de Pontevedra converterase nunha pasarela de moda. É a proposta da plataforma #Pontelovers para tentar dinamizar o comercio téxtil e de moda da cidade para as festas do Nadal.
O evento, bautizado como PonteModa Nadal, está organizado pola firma Mividaentretelas Kids & Models e celebrarase na primeira planta da Praza. Será retransmitido en streaming a través das redes sociais de #PonteLovers e Pontevédrate e incluirá ademais de desfiles entrevistas a diversos establecementos comerciais e empresas de Pontevedra.
A idea é realizar as entrevistas en horario matinal (de 12.00 a 14.00 horas) e os desfiles e exhibicións pola tarde (de 19.00 a 22.00 horas).
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, explicou que "para o deseño deste proxecto contouse cunha experta de primeiro nivel como Raquel Gamallo, profesora de pasarela, organizadora de eventos e fashion blogger, que ademais de dirixilo todo tamén se encargará de presentar e de facer as entrevistas".
"Con esta actividade adaptámonos unha vez máis á nova situación e á cada vez maior demanda de accións visuais e de fácil acceso, empregando un formato moi semellante ao dun programa de TV e chegando ao maior público posible", sinalou a edil.
Un bo número de negocios participarán con achegas aos desfiles, entre os que se atopan: Lagasca, Madynovias, Magic of London, My Vintage Clothes, Alma Gemela, Mepiachi, Acuario Modaponte, Marilyn Coquette, 4 Estaciones, Lady Rebel, Celebrities, Ma Petite e Emilio Iglesias, así como a deseñadora Patricia Canabal e a mercería Marina Navarro.
En canto ás entrevistas, forman a lista outra vintena de firmas e profesionais: Madreselva, Centro Capilar María José Pazos, Muchachicha, Neurat, Autolavado Mascotas Kala, Nuria Nerga Centro de Estética, Pombalia, Chico's Sport, Más Descanso, Masajes Pontevedra, Baby Shop, Eucagreen, A Balea das Cores, Dieta Coherente Nutrición, El Patio Kinder Bar, Floristería Peregrina, Olladas Centro Óptico e Aquelarre Tenda Esotérica, ademais de Getting Jiggy Dance e de Fita Novas Escuela de Danza, que protagonizarán pequenos espectáculos de danza e o mago Pedro Volta, que fará un par de trucos en directo.