O escaparate radiofónico do campus xa prepara a sétima tempada
Por
O Escaparate, programa radiofónico que desde 2015 levan a cabo estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, está a piques de estrear a súa sétima tempada. Poderá escoitarse a través de iVoox, Spotify e PontevedraViva Radio.
A situación xerada pola covid-19 provocou que o pasado mes de marzo rematase antes do previsto a sexta tempada e agora, tras meses de parón, retoman a actividade. Esta semana, entre mércores e xoves, realizarán un cásting dirixido a incorporar estudantado da facultade aos diferentes equipos de traballo do proxecto.
Ángela Aboy, estudante do grao en Publicidade e Relacións Públicas e nova directora de Radio Escaparate, e o seu predecesor, Pedro Javier Miguelez, explicaron, en declaracións recollidas polo DUVI da Universidade de Vigo, que decidiron que "a única forma de que o proxecto seguise adiante era facelo online".
A incorporación de novas persoas ao equipo determinará en boa medida os contidos e seccións que protagonicen a sétima tempada, pois, segundo Aboy, "a idea é que, unha vez que estea o equipo pechado, cada un dea a súa opinión". Ademais de directora, Aboy é presentadora, xunto con Noelia Sánchez.
O obxectivo é que o programa non se centre na actualidade do campus, pero que si vaia dirixido a universitarios, tratando de reunir, desde unha óptica informal, contidos que poidan ser de interese para un público novo, "sendo sempre conscientes do difícil que é que che escoiten, xa que hai millóns de podcast".
"Gústanos a radio e queremos facer algo que a nós nos gustaría escoitar", salienta Aboy, ao tempo que recoñece que o feito de que esta tempada a fagan cada un desde o seu domicilio "vai cambiar sobre todo a sensación de grupo".
Os seus impulsores proxectan acompañar a publicación dos programas con diferentes contidos en vídeo para redes sociais como Instagram TV ou TikTok.