Unanimidade no pleno de Bueu para esixir á Xunta medidas ante a escaseza de polbo e a creación da canle Xabarín
Por Redacción
A corporación municipal de Bueu celebraba este pasado luns 7 de decembro a última sesión plenaria ordinaria do ano 2020 de xeito telemático.
O pleno pechouse coa aprobación de dúas mocións por unanimidade de todos os grupos (BNG, ACB, PP e PSOE). Unha de apoio á creación dunha canle Xabarín Club na Televisión de Galicia e outra para a realización de estudos e toma de medidas para a mellora da pesquería do polbo.
O concelleiro de mocidade e normalización lingüística, Agustín Gallego, foi o encargado de dar lectura á primeira das mocións presentada polo BNG e na que se apoia o impulso dunha mellor difusión da programación infantil e xuvenil en galego. Baseándose na proposición non de lei lanzada pola Mesa Pola Normalización Lingüística, o edil manifestou a necesidade de creación dunha canle Xabarín, con programación dispoñible en todas as plataformas de contidos audiovisuais, así como aplicacións actualizadas con programas e xogos educativos e de produción galega. Tamén se propón que a Corporación de Radio Televisión Española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego na canle específica infantil e xuvenil e na súa App.
O concelleiro explicaba que "a lingua galega precisa espazos de uso, de reprodución e socialización para existir e desenvolverse" e que "o galego debe estar en todo e para todo, en palabras de Don Ricardo Carvalho Calero", a quen se lle adicou este ano o Día das Letras Galegas.
Con estes obxectivos, adiantaba que este xoves 10 de decembro comezarán as xornadas ‘A lingua no audiovisual’, que se poderán seguir en directo a través da canle de Youtube do Concello de Bueu, e que tamén incluirá dúas proxeccións especiais no Centro Social do Mar: a película ‘Ons’, de Alfonso Zarauza, rodada integramente na illa, poderase ver o sábado 12 ás 19.00 h, e ‘Reboiras. Acción e corazón’, de Alberte Mera, programada para o domingo 13 ás 18.00 h.
ESCASEZA DE POLBO
A segunda moción presentada polo grupo nacionalista refírese á falla de polbo e á necesidade de tomar medidas. Segundo consta na proposta, a frota de baixura de Bueu agrupada na confraría de pescadores San Martiño conta cunhas 40 embarcacións que se adican á pesca do polbo. O recurso converte á lonxa bueuesa na segunda maior comercializadora en Galicia do cefalópodo trala de Ribeira. Os datos de 2018 indicaban que entre xullo e setembro capturáranse 73.000 quilogramos, mentres que no primeiro trimestre da campaña do pasado ano xa se baixou ata os 47.000 quilogramos. Os datos deste 2020 indican que entre xullo e setembro non se chegou aos 5.500 quilogramos. Un descenso ante o cal o sector optou por reducir os días de traballo, cambiar de oficio e incluso polo amarre e a solicitude de ERTES. Ante iso, a corporación acordou instar á Xunta de Galicia, como administración competente, para que leve a cabo un estudo do recurso do polbo tendo en conta a opinión da comunidade científica e do sector da pesca artesanal agrupado nas confrarías.
Amais, tamén se solicita que se estuden fórmulas desde as Consellerías do Mar, Industria e/ou Medio Ambiente para que armadores e mariñeiros que teñen que deixar de adicarse á pesca do polbo conten con alternativas que non provoquen a sobreexplotación doutros recursos, podendo ser estas de carácter económico por medio de axudas ou ben por labores de limpeza do medio mariño como un dos problemas máis latentes pola presenza de plásticos e outros residuos.
Relacionadas:
-
Bueu aproba no Pleno esixir á Xunta o fomento da vivenda protexida
Por Redacción |
-
Aprobado por unanimidade o Plan de Mobilidade urbana e sostible
Por Redacción |
-
O pleno de Bueu aproba unha modificación extraxudicial de créditos para gastos derivados da Covid-19
Por Redacción |
-
O alcalde de Bueu preséntalle á nova delegada da Xunta os proxectos prioritarios para a vila
Por Redacción |