BNG e PSOE estudan "alternativas" á supresión de taxas para apoiar os hostaleiros
Por Alejandro Espiño
O cambio de postura, polo menos pública, do PSOE apoiando as reivindicacións dos hostaleiros, que reclaman que se lles exima das taxas municipais durante o tempo que estean sen actividade, non romperá a coalición de goberno co BNG "baixo ningún concepto".
Así o asegurou o portavoz socialista, Tino Fernández, que engadiu que esta posición "non vai a variar" a relación entre ambas as formacións. A este respecto, defendeu que BNG e PSOE están a estudar "alternativas e solucións" para apoiar a este sector.
"É un tema que está sobre a mesa", sinalou o dirixente do PSOE, que enmarcou este diálogo cos nacionalistas na negociación aberta para os orzamentos de 2021.
Ambos os partidos, segundo Fernández, están a tentar alcanzar un "punto de encontro e de equilibrio", recoñecendo que administrativamente " non é fácil" atender as reivindicacións dos hostaleiros da cidade. A pesar diso, dixo, "hai marxe" para traballar.
Fontes municipais apuntan que, en todo caso, estas alternativas pasarían por reformular e reforzar a liña de axudas Supera20, modificando as súas bases para que sexan máis accesibles e cubran un maior número de supostos.
Esta cuestión, segundo o tenente de alcalde, non está a xerar "tensións engadidas" entre os socios de goberno, xa que ambos teñen "posturas claras" e acordaron buscar solucións "dentro das nosas posibilidades" como fixeron, engadiu, "desde o inicio da pandemia".
"Estou seguro de que solucións as vai a haber", sinalou Tino Fernández, que se mostrou moi crítico coa actitude "certamente rastreira" do PP, aos que acusou de "utilizar politicamente" aos hostaleiros da cidade.
Os populares, segundo o líder socialista, "en vez de preocuparse pola casa dos demais deberían preocuparse polo que pasa na súa", xa que "esquecen" que foi a Xunta quen ordenou o peche da hostalería e a que aprobou axudas "con letra pequena" e que "non chegan a ninguén".
"Se teñen influencia e non son uns meros teleñecos dentro do seu partido, deberían ser capaces de influír na Xunta para que ordenen unha reapertura sensata e para que compensen as perdas sufridas polo peche", subliñou Tino Fernández.
O portavoz do PP local, Rafa Domínguez, lembrou este mércores, como xa fixera o luns, que o PSOE votou en contra das proposta do seu partido para suprimir as taxas á hostalería, primeiro en maio e logo en novembro, pero, en todo caso, agradeceu esta nova postura socialista.
Domínguez deu o seu apoio ao PSOE e avanzou que terá o seu voto a favor. "Si quieren hacerlo, lo tienen fácil, la aritmética da, 9 y 4 son 13", lembrou, en alusión a que os 4 concelleiros do PSOE e 9 do PP na corporación suman os votos suficientes para sacar adiante propostas no pleno sen que sexa necesario o voto a favor do BNG.
Relacionadas:
-
Os hostaleiros non pagarán polos veladores durante o tempo que estivesen pechados
Por Redacción |
-
Empeza a operación 'Rescate hostalería': rumbo a Madrid tras recibir o apoio de PSOE e PP a nivel local
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os hostaleiros marchan de novo polas rúas de Pontevedra contra as medidas da desescalada
Por Manu Otero |
-
Berro desconsolado de auxilio da hostalería en Pontevedra: "Estamos mortos"
Por Manu Otero & Mónica Patxot |