Pontevedra aínda non cumpre as ratios para poder levantar as restricións sanitarias
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e o xerente da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez mantiveron este mércores unha nova reunión de seguimento da pandemia.
Os datos oficiais da Covid sinalan que este mércores hai 244 casos activos na Boa Vila. Son tres contaxiados máis que onte.
A incidencia acumulada que é o baremo polo que se rexe o Comité Clínico para avaliar as restricións en cada territorio en Pontevedra a 14 días é de 184 positivos (221 a 100.000 habitantes) e a 7 días é de 78 positivos (93 a 100.000 habitantes).
Para que se produzan futuras modificacións nas restricións que a día de hoxe están en vigor hai que superar unha ratio de incidencia acumulada de menos de 150 positivos a 14 días; e de menos de 50 a 7 días. E para levantar o peche perimetral do municipio hai que baixar dos 100 casos positivos a 14 días.
O xerente tamén informou o alcalde que se vai a facer un cribado na hostalería de toda Galicia cunhas 45.000 persoas. E tamén haberá un cribado nas grandes superficies comerciais antes das festas do Nadal.
Ademais Sanidade continuará co cribado nos centros de ensino, neste caso de fóra de Pontevedra.
O alcalde tamén se preocupou polo gromo do centro da terceira idade Soremay, no que hai 42 residentes contaxiados.
POIO
Respecto ao concello de Poio, Sanidade informou que a día de hoxe son 47 os casos activos, dous menos con respecto á xornada do martes.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, salienta a "evolución positiva" que se está a rexistrar nos últimos días no municipio, pero fai fincapé en que "todos e todas sigamos sendo responsables para facer que esta tendencia siga así". De feito, a incidencia acumulada nos últimos 7 días é de 58 casos por 100.000 habitantes.
"Confiamos en poder saír canto antes destas restricións, pensando sobre todo en sectores como a hostalería, para que poidan ter un respiro", desexou o líder do Goberno municipal.
MARÍN
Marín rexistra a día de hoxe 50 casos activos, polo que mantén a súa tendencia á baixa. No que respecta á incidencia acumulada, que mide o número de casos positivos de coronavirus por cada 100.000 habitantes, Marín rexistra 57 a sete días e 172 a 14 días.
Tal e como explicou a alcaldesa, María Ramallo o concello está "no bo camiño e demostra que as restricións fan o seu efecto", pero pide "non baixar a garda e seguir cumprindo as normas" para manter a curva de contaxios e favorecer a menor propagación da enfermidade.
Segundo indicou Sanidade durante a reunión, estanse a realizar test de antíxenos nos centros de saúde cando consideran que é preciso. No caso de solicitarse unha PCR, realízase en Pontevedra. A Consellería indicou que en toda a área sanitaria estanse a realizar unha media de 700 – 800 PCRs diarias.
No que respecta ao cribado específico que se está a levar a cabo nos institutos, en Marín faranse as probas entre este venres e o luns, tanto en primeiro como en segundo de Bacharelato.
O comité clínico analizará a evolución destes tres municipios o venres e o martes da próxima semana, que é cando teñen establecidas as datas de reunión, e analizará o nivel de incidencia, para así poder revisar as nosas restricións actuais.
Relacionadas:
-
A covid-19 non se contén na área sanitaria, que suma 36 novos positivos e un paciente máis en UCI
Por Natalia Puga |
-
Os casos activos de Covid baixan a 856 tras unha xornada con 38 novos positivos na área sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Dúas mulleres, procedentes da residencia Soremay, falecen nas últimas horas en Pontevedra por covid-19
Por Redacción |