ALCER Pontevedra alerta de que a covid-19 deixa, nalgúns casos, secuelas no funcionamento dos riles
Por Redacción
Ao longo deste 2020, a Asociación de Loita contra as Enfermidades do Ril, ALCER Pontevedra, atendeu a 137 familias a través do servizo de información e asesoramento a persoas con enfermidade renal crónica e ás súas familias. Trátase dun programa que recibiu unha subvención da Xunta de Galicia xunto a Cogami.
Este colectivo lembra que as persoas que contraen unha enfermidade renal crónica ven alterado o seu plan de vida pola necesidade de levar unha vida suxeita a un tratamento renal sustitutivo, que pode ser a través de hemodiálise no hospital, tres veces á semana, por diálise domiciliaria diariamente ou a través dun transplante. Tamén existe a opción de oscilar entre os tres tratamentos actuais desta enfermidade.
A situación da pandemia complicou a situación para estes pacientes que deben continuar asistindo ás salas de diálises e ás revisións médicas periódicas. Moitas destas persoas son inmunodeprimidas e, por tanto, de risco coa consecuente tensión e incerteza que provoca a actual expansión do virus. Por este motivo, durante o estado de alarma, ALCER Pontevedra levou a cabo máis de 150 contactos telefónicos con persoas con esta doenza e familiares. As intervencións continúan sendo maioritariamente telefónicas, pero tamén se manteñen encontros presenciais, sempre con cita previa.
O colectivo destaca a importancia da prevención da enfermidade renal porque un ril que non realiza a filtración necesaria non doe e por tanto, a persoa non adoita acudir a unha revisión. Sinalan que os hábitos de vida afectan a estes órganos e alertan de que o mal uso ou o abuso de medicamentos como o ibuprofeno pode ter consecuencia sobre o funcionamento dos riños. Tamén indican que nalgúns pacientes a enfermidade covid-19 está a causar secuelas que afectan o funcionamento destes órganos principais do sistema urinario.
Por último, a asociación lembra que a doazón de órganos é fundamental para os pacientes. Un transplante renal mellora, en xeral, a calidade de vida da persoa con esta enfermidade e pode evitar o tratamento diario e as restricións na alimentación.