Sesenta establecementos de Barro sortearán produtos de Nadal entre os seus clientes
Por Redacción
Ata o próximo 6 de xaneiro máis de sesenta establecementos comerciais de Barro participarán dunha campaña impulsada polo Concello para promover o consumo no municipio.
Baixo esta iniciativa, que leva o nome de Polo Nadal comercio local, o Concello entregará a cada negocio adherido un lote de produtos mercados a comercios e empresas locais para que sorteen entre a súa clientela por compras superiores a 5 euros.
A campaña de Nadal "é un momento vital para o pequeno comercio", recorda o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que entende que o Concello tiña que buscar o xeito de incentivar o consumo nos establecementos locais.
Ademais, tamén se puxo en marcha unha actividade para promover entre o sector a decoración de escaparates para axudar a dinamizar e ambientar as rúas da localidade.
Será a través de un concurso de escaparates que repartirá ata 450 euros en premios entre os establecementos gañadores.