Galicia e o norte de Portugal reclaman "reforzar" o papel das cidades na era poscovid-19
Nada vai ser igual tras a covid-19. Niso coinciden todos os expertos. Será un escenario análogo ao que afrontou Europa tras a II Guerra Mundial. E neste panorama son moitas as voces que apuntan ás cidades como líderes neste proceso de reconstrución.
Así o entende o Eixo Atlántico, o organismo que agrupa a 39 municipios de Galicia e o norte de Portugal, que reclama "reforzar" o papel das cidades na era poscovid-19 e que ambos os países teñan en conta as súas "características propias" como eurorrexión.
É unha das principais conclusións do cume que o Eixo Atlántico celebrou en Pontevedra no mes de setembro e que foron reunidas nunha publicación coordinada, entre outros, polo expresidente da Xunta, Fernando González Laxe.
As cidades, segundo apuntou o secretario xeral deste organismo, Xoán Vázquez Mao, "xa son líderes" en desenvolvemento económico, política social, innovación e dixitalización ou sustentabilidade, os catro eixos de traballo sobre os que debe asentarse a reconstrución.
"Temos moito camiño andado", engadiu Vázquez Mao, que fixo un chamamento para buscar solucións "ao que lle importa á xente" a partir de experiencia dos entes locais ou de agrupacións como a de Galicia e o norte de Portugal que son un " refuxio seguro".
O dirixente do Eixo Atlántico reivindicou que España e Portugal deben "ter en conta" a esta eurorrexión, da que lembrou é a terceira área urbana máis importante da península tras Madrid e Barcelona e por diante da área metropolitana de Lisboa.
"En época de crise a xente precisa liderados, alguén que os arrastre cara a saída do túnel e que propoña ideas que animen aos demáis, que os vincule cun proxecto común", defendeu o secretario xeral do Eixo Atlántico, "e iso é exactamente o que fixemos en Pontevedra".
A través dunha comisión de expertos, o Eixo Atlántico acordou unha serie de propostas que presentarán ante os gobernos de Galicia, España e Portugal para "enfocar" os fondos europeos de reconstrución e o programa 2021-2027 dunha maneira "coordinada".
Todas elas van enfocadas a pensar "como deben ser as cidades do futuro", apuntou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, apostando por investimentos "multiplicadores" que melloren a calidade de vida dos cidadáns da eurorrexión a través das novas tecnoloxías, a transición ecolóxica e modelos sostibles.
Na presentación destas conclusións, Fernando González Laxe explicou que o documento elaborado pretende "marcar as pautas dos camiños e escenarios posibles" para superar os efectos da crise económica, social e territorial que deixou a pandemia.
O futuro debe abordarse, segundo o ex presidente galego, desde a perspectiva dunha "nova concepción" do territorio con cidades "adaptables" aos cambios e que fuxan de "modelos ríxidos", actuando como "axentes activos" á hora de captar investimentos e habitantes.
Ademais, suxeriu impulsar o "traballo en rede" para impulsar un "corredor Atlántico", implementar estratexias de descarbonización, sustentabilidade, innovación e dixitalización ou actuar "de xeito diferente" cos colectivos de risco, especialmente maiores, persoas con discapacidade ou os mozos sen perspectiva laboral ante unha sociedade "chea de incertezas".
Relacionadas:
-
Denuncian que os fondos europeos irán ás grandes empresas "que nos levaron a esta crise"
Por Redacción |
-
Alemaña, Portugal, Reino Unido e Chile solicitan información sobre o estilo de vida da Boa Vila
Por Redacción |
-
As cidades do Eixo Atlántico esixen ter un "papel fundamental" nos plans de reconstrución
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra acollerá o 'cumio de alcaldes' do Eixo Atlántico pola reconstrución post-COVID
Por Alejandro Espiño |