A Xunta aumenta o espazo educativo no colexio O Toural
Por Redacción
A Consellería de Educación vén de acometer un proxecto de reforma no colexio público integrado do Toural, no Concello de Vilaboa, co incremento dos espazos a través da creación de novas aulas e coa renovación da carpintaría exterior.
Con motivo destes traballos, que agora afrontan a súa fase final coa apertura e reemprazo das fiestras, a delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, achegouse ata o colexio para visitar esta actuación, na que se invisten máis de 63.000 euros.
As obras realizadas no CPI O Toural consistiron na reforma da vivenda do conserxe, que leva baleira bastante tempo, para a súa conversión en biblioteca e a rehabilitación e división do espazo da existente para gañar dúas aulas e favorecer a operatividade do centro.
Ademais, esta reforma, á que se adicaron máis de 48.000 euros, tamén serviu para acometer unha modificación de aulas de educación infantil e dun aseo que lles permitiu incrementar as súas dimensións, realizar a apertura dun oco para unha nova fiestra e cambiar os falsos teitos e a iluminación.
A esta actuación, que xa está rematada, a Consellería de Educación decidiu engadir unha mellora, orzamentada nuns 15.000 euros máis, consistente no cambio da carpintaría exterior e das fiestras en dúas aulas para favorecer a ventilación do seu interior como medida de contención fronte á covid-19 e de redución do risco de contaxios.
Ditos traballos estanse a realizar na actualidade e está previsto que queden rematados nos vindeiros días para dar por completada esta intervención no colexio de Vilaboa.