Tiran ao mar catro toneladas de xurelo por falta de comprador
Por Oskar Viéitez
Ante a falta de compradores e a imposibilidade de gardalas nunha cámara frigorífica un armador de Cambados decidiu tirar ao mar máis de catro toneladas de xurelo, unhas 350 caixas de peixe.
Fontes da Confraría de Pescadores de Cambados explicaron que nas últimas semanas o chincho, xurelo sardiñeiro, ou xurelo pequeno, apenas ten saída polo que se encontra a un prezo moi baixo. Como referencia a pasada semana na lonxa de Riveira vendeuse a caixa de 15 quilos a 30 céntimos de euro.
Ao problema dos baixos prezos hai que sumar a escaseza de especies como a sardiña ou o xurelo grande.
No último ano e medio, a frota cambadesa perdeu varios dos seus barcos, algúns por xubilación e outros porque se mudaron a outros portos lonxe de Tragove. O patrón maior de Cambados, Benito González, recoñece un problema de comercialización do xurelo pequeno, que non encontra oco no mercado.
Despois de varios meses de espera, a Xunta publicou o pasado agosto a convocatoria de axudas ao despezamento ás que poderán optar este ano os buques de baixura galegos cun presuposto de 4,2 millóns de euros, unha contía superior á do exercicio anterior (2.822.464 euros), proceso no que finalmente se viron beneficiadas 27 embarcacións censadas na comunidade.
Entre as convocatorias para o despezamento de buques de altura e baixura, Mar destina este ano máis de 13 millóns á redución de frota.