Ponte Caldelas finaliza os traballos de mellora da Casa do Pobo 'Suso Vaamonde' de Regodobargo
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas xa finalizou os traballos de mellora da Casa do Pobo Municipal 'Suso Vaamonde' de Regodobargo.
Coa chegada de Andrés Díaz á Alcaldía, e logo da negociación cos veciños, o Concello de Ponte Caldelas conseguiu a cesión do antigo palco da festa, inutilizado dende facía anos, e reconvertiuno en Casa do Pobo.
Agora, o Concello, acometeu unha importante mellora que fai máis agradable a realización de actividades no local social municipal grazas a instalación dunha estufa de pellets e a dotación dunha cociña completamente alicatada e equipada.
Os traballos consistiron na alicatación das paredes e a colocación de gres porcelánico no chan, falso teito, carpintería de aluminio, instalación eléctrica, estufa de pellets e equipamento completo de cociña: 10 mesas, 60 cadeiras, mesado, campá extractora, cociña de inducción, forno, microondas, lavalouzas, frigorífico, termo para auga quente e fregadeiro de inox.
A obra conta cun investimento de 27.599,44 euros.