O polígono industrial de Cuntis mellora as condicións para acoller novas empresas
Por Oskar Viéitez
O polígono industrial da Ran, en Cuntis, loce unha nova cara e afronta un futuro ilusionante tralas obras realizadas na súa rúa central ao abeiro do Plan de Mellora da Seguridade en Vías Municipais (DepoRemse) da Deputación de Pontevedra.
As obras, valoradas en 611.458 euros e financiadas ao 100% pola institución provincial ao incluír tamén achegas do Plan Concellos, foron inauguradas este sábado pola presidenta, Carmela Silva; o alcalde, Manuel Campos; o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades; a delegada de Suelo Industrial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, acompañados do empresariado local.
A obra abrangue unha área de máis de 23.000 metros cadrados, dos que uns 4.000 corresponden ás novas beirarrúas e uns 3.000 ás novas sendas peonís de xabre, ao longo dunha recta que supera os 1,3 Km comunicando a N-640 coa estrada autonómica PO-220 (Cuntis-Valga).
A maiores solucionáronse as deficiencias nos servizos, pois instaláronse novos colectores de subministro de auga, recollida de augas residuais, novas tubaxes para pluviais, así como a instalación para o subministro eléctrico, subministro ao alumeado público e a preinstalación para redes de datos.
Carmela Silva lembrou que as Administracións públicas "estamos para que os concellos teñan oportunidades de crecer, crear actividade económica e, o máis importante, xerar emprego".
Ao seu xuízo, "era intolerable que o polígono da Ran tivera un camiño como único acceso; alguén debería estar dando respostas por non ter tomado decisións antes, porque aquí hai empresas moi relevantes e máis que vai haber moi pronto".
O polígono acolle actualmente 13 empresas e a máis de 200 traballadores.
Carmela Silva revelou que o alcalde de Cuntis comezou a falarlle da necesidade de "dignificar" o polígono industrial "un día antes de que eu tomara posesión como presidenta da Deputación, pero así é un bo alcalde, un alcalde como Manuel Campos, que ten, ademais, o mérito de contar cun Goberno local eficiente e no que hai mulleres potentísimas".
Manuel Campos agradeceu a obra á Deputación e, persoalmente, tanto á presidenta como ao ex-deputado de Cooperación, David Regades. Fixo, ademais, mención expresa ao apoio das comunidades de montes e do empresariado local.
"O Goberno da Comunidade Autónoma decidiu botarse a un lado e non participar e a partir de aí comezou un traballo coa SEPES e a Deputación, que en 2018 concedeunos a subvención que nos permitiu chegar a onde estamos", dixo Manuel Campos. "O resultado é excelente e está á vista", recalcou.
Segundo afirmou o alcalde de Cuntis, os investimentos da Deputación no medio rural son "primordiais" para que a xente continúe nos pobos "e esta inversión é un exemplo de retorno claro, en forma de postos de traballo".
Campos anunciou que "comeza agora unha nova etapa, sempre da man da Deputación, Zona Franca e SEPES para o desenvolvemento da primeira fase do polígono".
David Regades, pola súa banda, anunciou que a Zona Franca de Vigo "chegará a Cuntis porque este alcalde convence con feitos e por iso mesmo está tamén aquí a xerente doutra entidade estatal, como Solo Industrial do Atlántico".
Relacionadas:
-
Novo paso adiante para o desenvolvemento industrial do polígono da Ran
Por Redacción |
-
Unha empresa do sector do aluminio investirá 15 millóns de euros para instalarse no polígono de Cuntis
Por Redacción |
-
O orzamento de Cuntis para 2021 superará os 4 millóns de euros
Por Redacción |
-
Rouban cable eléctrico no Polígono da Ran e sinais viarias en Portela e Noval
Por Redacción |
-
Pechan o vial principal do polígono da Ran por obras
Por Redacción |
-
Cuntis avanza no desenvolvemento do polígono da Ran
Por Redacción |
-
Comezan as obras de mellora da seguridade viaria do polígono industrial de Cuntis
Por Redacción |