Barro protesta polo mantemento do peche perimetral e as restricións
Por Oskar Viéitez
A decisión do subcomité clínico da Xunta de manter o peche perimetral e as restricións no concello de Barro causou un profundo malestar no municipio.
Desde o goberno local, o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes lembrou que segundo os datos oficiais do SERGAS, Barro tiña este venres só 6 casos positivos e unha incidencia acumulada a 14 días de 108 casos por 100.000 habitantes, un indicador que está moi por baixo do límite marcado pola Consellería de Sanidade o pasado mércores para pasar ao nivel básico de restricións.
Por este motivo o alcalde protestou por esta "discriminación" contra a que este sábado mobilizáronse propietarios e traballadores de comercios, salóns de peiteado, bares e restaurantes, así como outros empresarios de Barro prexudicados por estas medidas.
Nun comunicado sinalaron que con esta protesta "queremos poñer de manifesto a nosa repulsa polo peche perimetral que temos na actualidade e que non se sostén de ningunha maneira ao estar Barro nunha incidencia moi moderada durante toda a pandemia".
É a segunda concentración que levan a cabo para "expoñer a nosa mais enérxica repulsa ao peche perimetral e tamén as restriccións de toque de queda as 23 horas, especialmente na fin de semana".
Lembran á Consellería de Sanidade que "Barro ao ser un sitio de paso e situado estratéxicamente, aquí veñen moitas persoas de fóra do concello a mercar e consumir e queremos que así siga sendo. Verducido, Briallos, Mosteiro, Moraña, Ceroponzóns, a Devesa son parroquias limítrofes que mercan moito en Barro e ao non poder vir prexudican moitisimo as vendas e en especial nestas datas".