A memoria e realidade LGTBIQ+ chega aos institutos de Pontevedra a través da peza documental "Persoas S.A."
Por Redacción
Os IES Sánchez Cantón, Luis Seoane e Frei Martín Sarmiento acollerán a partir da vindeira semana o visionado e videofórum do documental "Persoas S.A.", unha peza realizada pola lucense Carme P.G. Granxeiro que percorre a historia do activismo LGTBI en Galicia, dende os seus inicios ata a actualidade, poñendo en valor os novos movementos asociativos arredor da diversidade de sexo e xénero e poñendo sobre a mesa os logros acadados e os retos para un futuro en igualdade.
A actividade, impulsada pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, enmárcase dentro de accións formativas en centros de Ensino Secundario do programa municipal Pinto e Maragota, que abrangue a presentación de libros, o desenvolvemento de videofórums participativos ou a celebración de charlas debate como Transformando o Mundo.
Tal e como explica Yoya Blanco, "achegar a existencia dunha realidade diversa aos institutos e á mocidade é unha das principais liñas de actuación deste programa, e neste sentido cómpre destacar a enquisa que se fixo durante o curso pasado a máis de 900 mozos e mozas da cidade e aos seus mestres para analizar a situación do colectivos dentro das aulas de Secundaria".
Os videofórums terán lugar o luns 14 de decembro no IES Luis Seoane, o xoves 17 no IES Sánchez Cantón e a partir do 21 en varias aulas do IES Frei Martín Sarmiento.