Arromban a Escola Taller de Monte Porreiro tras anos de abandono
Por Redacción
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural vén de poñer en marcha os traballos que permitirán acondicionar, sanear e poñer en valor a sede da antiga Escola Taller de Monte Porreiro.
O proxecto de mellora paisaxística suporá un investimento de máis de 5.000 euros e inclúe un desbroce integral de todo o centro, a limpeza de matorral, a poda de árbores e a tala e retirada de especies invasoras ou que supuñan un perigo polo seu estado de deterioro.
Estes traballos se enmarcan dentro dunha batería de actuacións que o departamento que dirixe Iván Puentes está a realizar no barrio como a apertura do parque da Uned, a tirolina e ampliación do parque infantil da Praza de Europa ou a rehabilitación da senda fluvial.
O concelleiro socialista constata que os terreos da Escola Taller se atopaban "nun estado de deterioro moi considerable, ata o punto de que o crecemento incontrolado de vexetación, arborado e maleza os tiña convertido case nunha xungla".
"Había árbores invadindo a vía pública e outras caídas ou nun estado de podremia moi avanzado no interior. Por tal motivo, nesta primeira fase estase a efectuar a retirada de diversas árbores situadas no perímetro da rúa Reino Unido que comprometían a estabilidade do muro de peche e algunhas acacias, mimosas e outras plantas invasoras que foran medrando co paso de tempo", sinala Iván Puentes.
O proxecto da Concellería de Desenvolvemento Sostible tamén contempla a restauración de boa parte do valado exterior, das columnas do muro e a cancela de peche, que non se atopa operativa, de xeito que se poida recuperar en óptimas condicións para emprego da cidadanía.
Neste sentido, Iván Puentes lembra que os invernadoiros e naves de prácticas da Escola Taller de Monte Porreiro permanecen pechados dende o ano 2009, cando se clausurou o último proxecto de formación laboral impulsado neste centro polo Concello e a Xunta de Galicia, polo que "este é un primeiro paso para poñelos de novo ao servizo da veciñanza e de diversos colectivos do barrio".
"A idea é que poidan empregarse para todo tipo de usos sociais, ademais de aproveitar a estrutura dalgún dos tres invernadoiros da antiga escola obradoiro de xardinería, recolocando a súa cobertura de plástico (agora mesmo están ‘pelados’) e usándoo comunitariamente, como servizo para as hortas urbanas que xa existen en Monte Porreiro", avanzou o concelleiro do PSOE.