Unións Agrarias critica a implantación do modelo 'Falcón Crest' na viticultura das Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
O sindicato Unións Agrarias (UUAA) mobilizarase contra o modelo "Falcón Crest" de plantación de albariño "auspiciado pola Xunta de Galicia nas Rías Baixas".
Os responsables de Unións Agrarias, Roberto García, secretario xeral; Xosé Ramón González, secretario de Agricultura e Manuel Ángel Dopazo, secretario Xeral Comarcal en Caldas-Salnés, compareceron en rolda de prensa este luns na sede de UGT Pontevedra.
Segundo os datos ofrecidos por Unións Agrarias nos últimos dez anos o número de viticultores inscritos na Denominación de Orixe Rías Baixas apenas chegou a un 16% de incremento mentres que as novas plantacións supoñen máis dun 40%. "Quere isto dicir que a inmensa maioría das novas plantacións foron con diñeiro público feitas por bodegueiros particulares", o que segundo Roberto García se relaciona coas "campañas feitas para afondar en que cada vez sexa menos rendible ter uvas e máis rendible ter adegas con viñedos".
Nesta "campaña brutal" que denuncian estes responsables sindicais centrouse no 2011 no excedente de uva para abaratar o prezo, no 2012 dirixiuse nos rendementos por hectárea con sancións a moitos viticultores para continuar demonizando e facer inviable produción.
"As adegas están a intentar que os viticultores sexan o seguro a todo risco da súa xestión"
Roberto García informou que a día de hoxe hai 14 sentenzas de tres xulgados do contencioso administrativo diferentes que lle dan a razón a Unións Agrarias anulando aquelas sancións.
E agora, segundo este sindicato, nas Rías Baixas, a Xunta e as adegas están a intentar que os viticultores "sexan o seguro a todo risco da súa xestión". Roberto García, secretario xeral de UUAA apunta que "calquera problema financeiro que teñen o arranxan a mes vencido repercutindo de forma unilateral no prezo das uvas".
Do mesmo modo sinalou que "cando teñen problemas para acudir a crédito o arranxan pagando as uvas a 365 días no mellor dos casos ou dous anos trasladando os problemas do circulante ao viticultor".
Segundo Roberto García esta situación verase agravada na próxima vendima xa que se está a forzar "prezos de referencia por debaixo dos custos de produción obrigando os viticultores a vender por debaixo do que custa producir, ou o que é o mesmo a cometer delito", asegurou.
Ante esta situación os responsables do sindicato rexeitan o prezo de referencia da uva albariña para a próxima campaña, uns 40 céntimos inferior ao de 2012. Ademais esixirán ao Goberno Central e Xunta a aplicación literal con todas as consecuencias da Lei da Cadea Alimentaria que obriga a que obriga a que os contratos agrarias figuren por escrito con todas as condicións de prezos e calidades, e a pagar en menos de 60 días.
Ao mesmo tempo iniciarán un escrutinio detallado de todos e cada un dos contratos que establezan as adegas cos viticultores para comprobar a existencia de prezos por debaixo de custo.
E finalmente, con aquelas adegas que paguen por debaixo de custo Unións Agrarias iniciará unha campaña de información ao consumidor explicando esa situación.
As previsións do Consello Regulador de Rías Baixas apuntan a que a próxima vendima será abundante cun rendemento medio de 8.000 quilos de uva por hectárea.
Relacionadas:
-
A vendima chegou con atraso a Rías Baixas pero boa calidade
Por Oskar Viéitez & Aitana Vidal |
-
Unións Agrarias critica o acordo de prezos da mesa do viño por ser "unha imposición das adegas"
Por Oskar Viéitez |
-
A mesa do viño Rías Baixas alcanza un acordo para a vendima que arrancará o 25 de setembro
Por Oskar Viéitez |