Novas achegas do Plan Concellos beneficiarán a O Grove, A Illa de Arousa e A Lama
Por Redacción
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novas achegas ao abeiro do Plan Concellos 2020 que beneficiarán aos municipios de O Grove, A Illa de Arousa e A Lama.
No caso do Grove, percibirá unha achega de 179.263 euros, correspondente á aportación municipal ao convenio de colaboración para a execución do proxecto do Auditorio e a Escola de Música.
Destinarase a traballos para a seguridade estrutural da cuberta transitable, que inclúe a redimensión dos petos baixo os criterios de deseño para barreiras de protección. Axustarase tamén o método de plantación, así como acondicionamento de iluminación e mobiliario e a estabilización de noiros para a execución da obra.
Pola súa banda, A Illa de Arousa conta cunha achega de 98.464 euros coa que poderá financiar a reposición da senda do Bao, así como o acondicionamento da franxa de terra entre o carril bici e o aparcadoiro.
O paseo rehabilitarase coa retirada da pasarela de madeira, cuxo estado actual non ofrece a seguridade suficiente para o seu uso e a súa substitución con aporte de xabre e bordos de madeira. O proxecto contempla tamén o establecemento de baixadas á praia e a nivelación do terreo para igualar as rasantes do paseo.
No que atinxe ao Concello de A Lama conta cunha axuda de 180.000 euros con destino ao financiamento do acondicionamento e ampliación do edificio do Concello.
Estas obras permitirán ampliar o inmoble, coa previsión da dotación de novos postos de traballo, así como a redistribución dos actuais espazos, dotándoo de novas salas de espera para que a veciñanza non teña que agardar no vestíbulo principal para ser atendida.
Así mesmo, o proxecto contempla o acondicionamento do edificio, especialmente para o cumprimento da normativa de accesibilidade, coa dotación de aseos adaptados e un ascensor, que facilite á veciñanza o acceso á primeira planta do inmoble. Os traballos completaranse coa mellora da eficiencia enerxética, coa instalación dunha nova iluminación led e a mellora da envolvente exterior do edificio.