Rescatan dous tripulantes dun barco que embarrancou preto do porto de Covelo
Por Oskar Viéitez
A Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) informou este domingo do rescate de dous tripulantes despois de que o seu barco estivese a piques de afundirse no porto de Covelo, no concello de Poio.
Segundo explicou o Centro de Atención ás Emerxencias 112 unha embarcación da Garda Civil recolleu a estas dúas persoas para levalas a terra.
Concretamente foi a patrulleira Corvo Mariño do Servizo Marítimo da Garda Civil de Pontevedra a que auxiliou a este pesqueiro accidentado, remolcando á embarcación ao peirao de Combarro cunha pequena vía de auga.
Tamén interviñeron nesta operación de rescate efectivos de Salvamento Marítimo, dos Gardacostas Galicia así como Protección Civil, Urxencias Sanitarias e a Policía Local.
A Garda Civil confirmou que a tripulación se atopa en bo estado de saúde e o barco non se afundiu, senón que embarrancou nunhas rochas.
Desde Protección Civil de Poio precisaron que os dous mariñeiros desta embarcación de sete metros de eslora non sufriron ningún dano fóra dunha lixeira hipotermia.
Cómpre indicar que o barco embarrancado cargaba uns douscentos litros de combustible pero, en ningún momento, se produciu ningún tipo de fuga.
Este domingo repetíronse este tipo de alertas. Tamén foron rescatadas dúas persoas que pescaban a bordo dunha embarcación pneumática en Cangas e que pediron asistencia a través do 112 Galicia ao quedar sen motor e ser arrastrados pola corrente. Ademais, o 112 Galicia recibiu unha chamada de alerta desde a Praia da Xurela, en Bergondo, por mor de dous mozos que practicaban surf e estaban en apertos.