Solicitan dende o PP os protocolos sanitarios e de prevención da tirolesa de Raíña Vitoria
Por Redacción
A concelleira do Partido Popular de Pontevedra, Pepa Pardo, dirixiu á Alcaldía diferentes escritos nos que require os documentos relacionados cos protocolos sanitarios, de seguridade e prevención fronte á covid-19 da tirolesa que se está instalando na avenida de Raíña Vitoria.
Desta maneira, os populares queren comprobar que se adoptarán e garantirán todas as medidas sanitarias e doutra índole que sexan necesarias para previr contaxios.
"Preocúpanos, coas datas especiais nas que estamos, como se levará a cabo a desinfección da tirolesa e como se controlan os accesos á mesma", afirma Pepa Pardo.
A concelleira do PP solicita poder consultar o expediente completo de instalación e manifesta que "sorprende que un vial que se pechou por evitar aglomeracións na entrada e saída dun instituto agora se utilice para colocar unha tirolesa de 150 metros, coas ringleiras que se poden formar. É un non sentido".
Para os populares, o Concello de Pontevedra "ten a responsabilidade de explicar que medidas levarán a cabo para evitar os contaxios". A partir deste luns 14, data de presentación dos escritos, a Administración local ten un prazo de cinco días para remitir esta información ao Grupo Municipal do Partido Popular.
A tirolesa ten previsto comezar a súa actividade este venres 18 de decembro, en horario de 12.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas.