Pontevedra tira do encoro do Pontillón ante o descenso de auga no río Lérez
Por Redacción
O consumo de auga en Pontevedra durante este mes aumentou ata os 35.000 metros cúbicos diarios cando a media neste mesmo período en anos anteriores se sitúa en 25.000. E o nivel do río Lérez que normalmente se sitúa entorno aos 2 metros baixou a apróximadamente un metro.
Ante esta situación, o goberno local decidiu, segundo informou o voceiro municipal, Raimundo González, recorrer o pasado xoves 5 á auga do encoro do Pontillón. Polo momento, tírase de dúas bombas no río das tres que se utilizan habitualmente e coa auga do Pontillón. González indicou que se é necesario seguir utilizando este recurso durante 15 días, o encoro quedaría nun 80% da súa capacidade. Sinalou ademais que, polo momento, non se cortou a ENCE a subministración e apuntou que "a curto prazo non parece que haxa problema, simplemente adoptamos medidas de carácter preventivo". Dende a decisión de recorrer ao encoro, o nivel do río recuperouse ata os 1,8 metros.
As previsións do tempo non anuncian chuvias durante as dúas próximas semanas.