Cerdedo-Cotobade mellorará a visibilidade entre A Rocha e Viascón con novos puntos de luz
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de adxudicar o concurso público aberto para o subministro de material e lámpadas eléctricas co fin de mellorar a seguridade vial na estrada N-541, na subida da Rocha a Viascón.
Os traballos consistirán na instalación de seis báculos de iluminación pública que serán colocados na beira dereita da estrada, para dar resposta a unha demanda veciñal que pedía resolver un problema de visibilidade nocturna nesta estrada nacional.
Segundo explicaba o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, na zona coincidían diferentes circunstancias que demandaban dunha intervención, como son a presenza dun carril de aceleración, varios accesos, falla de iluminación e tamén a proximidade dun cruce. "Factores que facían imprescindible que intervíramos para mellorar a iluminación e a seguridade vial na zona coa instalación destes seis báculos con luminarias axeitadas para dar maior tranquilidade tanto aos vehículos que circulan pola N-541 como a aquel tráfico local que precisa transitar polo lugar e que se ten que enfrontar a certo perigo que agora trataremos de evitar", manifestaba Cubela.
Unha vez finalizado o proceso de adxudicación a unha empresa da veciña comarca do Deza, por concurso público aberto cunha licitación de 18.992,02 euros, a instalación completarase de inmediato, polo que o alcalde agarda que desta maneira se vexa resolta dun xeito definitivo unha das peticións feitas polos veciños que utilizan habitualmente este lugar para transitar cos seus vehículos.