Culler de Pau, primeiro restaurante de Galicia que obtén dúas Estrelas Michelin
Por Alejandro Espiño
A cociña pontevedresa está de parabéns. Galicia conta por primeira vez cun restaurante con dúas Estrelas Michelin. E está en Pontevedra. Trátase de Culler de Pau, o establecemento que o cociñeiro Javier Olleros ten no Grove.
O seu era un dos nomes que, desde hai anos, barallaban os críticos para subir a esta nova categoría, tras anos renovando a súa Estrela Michelin e o bo facer da súa cociña.
Así se coñeceu na gala de presentación da Guía Michelin 2021 para España e Portugal, celebrada nesta ocasión de maneira telemática desde a Real Casa de Correos de Madrid e presentada polos actores Cayetana Guillén Cuervo e Miguel Ángel Muñoz.
Os propio Olleros decatouse en directo desta noticia, tras crer que participaba na gala para felicitar aos restaurantes que recibían a súa primeira estrela. Pero non, nese momento comunicáronlle que o seu era un dos tres establecementos recoñecidos.
Os inspectores da Guía Michelin destacaron a "cociña auténtica" de Javier Olleros, unha gastronomía "de gran nivel técnicos pero que foxe de artificios". Ademais, sinalaron a súa "esencia" e o seu "refinamento" a partir dos produtos de proximidade, do mar e do seu horto.
"Estamos felices", sinalou o cociñeiro do Grove tras celebrar esta noticia xunto ao seu equipo. A pesar da emoción puido agradecer o traballo de todos os provedores que traballan con el e, sobre todo, "ao meu pobo do Grove" e a Galicia, unha terra, que segundo destacou, "fai posible que vaiamos conseguindo cousas".
Pero as boas noticias para a gastronomía da provincia de Pontevedra non quedaron aí. Dous novos restaurantes lograron a súa primeira Estrela Michelin. O Eirado, o primeiro establecemento da cidade de Pontevedra en obter este recoñecemento; e Silabario (Vigo).
CULLER DE PAU E PEPE VIEIRA, ESTRELAS VERDES
A principal novidade da Guía Michelin 2021 é a entrega, por primeira vez, das Estrelas Verdes, un galardón para recoñecer a restaurantes sostibles que innovan a través de iniciativas que contribúen a conservar o medio ambiente.
En total, entregáronse 21 destes recoñecementos, dos cales tres foron para restaurantes de Galicia. Culler de Pau e Pepe Vieira foron dous deles. Acompañounos O Balado, establecemento situado en Boqueixón (A Coruña).